O concepto de cidade accesible leva unha acepción de universalidade. É dicir que poidan gozala todos os cidadáns. Por todo o que implica, desde a Asociación Amizade, o seu presidente Paulo Fontán afirma que "é un concepto de cidade co que coincidimos. É unha cidade pensada desde o inicio para as persoas, para todas. Non só ás persoas cunha mobilidade reducida, senón tamén ás persoas maiores, a quen ten que ir con carriños de nenos, persoas cargadas con bolsas, os propios nenos".
Amizade é o colectivo pontevedrés que forma parte de Cogami, a Confederación de Galicia de persoas con discapacidades. Está activa na capital desde 1988. Conta actualmente con máis dun centenar de socios e desde hai oito anos está presidida por Paulo Fontán.
A formulación feita para conseguir unha cidade accesible foi bidireccional, lembra Fontán, porque "nós estabamos pendentes de que as cousas se fixesen ben e desde o principio no goberno local foron receptivos a escoitarnos, a tentar ter en conta as nosas demandas".
Que o proxecto non pechou o círculo, sábeno desde o Concello e desde o propio colectivo pontevedrés. Niso seguen traballando ambas as partes. "As persoas con mobilidade reducida non só paseamos. Tamén temos dereito ao lecer, á cultura, ao traballo, a ir comprar ou a cortar o pelo. E nese sentido atopámonos unha dificultade grande".
Por unha banda, avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas. Paulo Fontán bota en falta "unha normativa o suficientemente esixente que garanta o uso e goce destes espazos. O noso interese é que o Concello elabore unha ordenanza que regule estes temas".
Por outra, avanzar tamén na integración. Iniciativas como Hefesto son recibidas con excelentes expectativas desde Amizade, porque "está pensado precisamente para ver a capacidade que teñen as persoas, teoricamente con menos capacidades, para facer cousas que outros sen discapacidades non son capaces de facer. É importante introducir estas cuestións de forma transversal en todas as políticas municipais, porque tamén entra no concepto de modelo de cidade".
Mirando a Pontevedra desde fóra, Paulo Fontán sinala que persoas pertencentes á confederación e que viñeron a esta cidade "marchan encantados en comparación co que teñen nas súas cidades. Do que eu coñezo, empeza a haber algunhas medidas similares ás que se puxeron en marcha en Pontevedra nos últimos anos; pero con menos intensidade ou menos valentía política que como se fixo aquí".