A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade pide ao Concello a retirada da ordenanza de mobilidade

Pontevedra
11 de agosto 2020
Actualizado: 18:49

O colectivo COGAMI rexeita a imposición no documento dunha limitación temporal nas prazas que se reservan para persoas con mobilidade reducida e a dirección desta organización pide diálogo ao goberno local de Pontevedra antes de aprobar esta ordenanza de mobilidade

Aparcamento para persoas con mobilidade reducida en Valentín García Escudero
Aparcamento para persoas con mobilidade reducida en Valentín García Escudero / PontevedraViva

COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, reclama a paralización do proceso para aprobar a Ordenanza de Mobilidade de Utilización de Espazos Públicos na que traballa o goberno local do Concello de Pontevedra. Consideran esta ordenanza "discriminatoria para persoas con mobilidade reducida". 

A asociación pontevedresa  Amizade, unha das 53 asociacións que está representada en COGAMI, xa manifestara a súa preocupación por este documento. Desde estes colectivos vese con preocupación a posibilidade de que se limite o tempo de estacionamento nunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida.

Entenden que de aplicarse este límite, o goberno local iría contra o mandato da Constitución no que se indica que os poderes públicos deben realizar políticas encamiñadas a garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas. Explican que as persoas con  mobilidad reducida necesitan máis tempo para percorrer o mesmo traxecto e suponlles un maior esforzo que ao resto da  ciuddanía.

Lembran que unha persoa que utilice bastóns ou cadeira de rodas non pode estacionar o seu vehículo nunha praza de estacionamento libre convencional porque estes espazos carecen de medidas suficientes para que poidan acceder ou saír dos seus vehículos.

Ante esta situación, COGAMI pide a paralización do proceso de aprobación da ordenanza de mobilidade e solicita que desde o goberno local se estableza o diálogo con entidades representativas da discapacidade para coñecer as súas demandas e estudar alternativas conxuntas que eviten ese límite de tempo de aparcamento.

Desde a Confederación recoñécese a vontade do Concello de Pontevedra por mellorar a cidade adoptando medidas inclusivas e por este motivo, concedeulle o Premio COGAMI no ano 2015 e, por este motivo, insisten en que se manteña ese diálogo para chegar a un acordo sobre as medidas que se van a adoptar.

AMIZADE MANTÉN CONTACTOS CON BNG, PSOE E PP PARA TRATAR O TEMA

Este martes 11, representantes da asociación Amizade, que preside Paulo Fontán, mantiñan un encontro en primeiro lugar con integrantes do grupo municipal do PSOE, que se amosaron receptivos a estudar as modificacións que a organización propón, comprometéndose a tratalo coa parte nacionalista do goberno local.

Co grupo do BNG, no encontro mantido, quedou claro que continúan as diferenzas de postura, segundo afirma a asociación, pero chegou a detectarse un pequeno achegamento coa idea de que se volvan reunir pasado un período de tempo para tentar acadar un acordo definitivo.

Amizade sostén que non existe un problema de rotación no uso das prazas reservadas e tampouco consideran que haxa usuarios que realicen un uso abusivo das prazas durante numerosos días. Lembran ademais que na maioría dos concellos do Estado non existen limitacións temporais e mesmo contan con outras atencións como permiso para que os titulares da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida poidan estacionar en zonas ORA sen límite de tempo ou mesmo en carga e descarga.

Este mércores 12, o colectivo manterá un encontro co grupo do Partidop Popular para trasladarlles as súas demandas e conseguir un amplo apoio entre os representantes da corporación municipal.