Enfado e decepción son as palabras entre as que se move a pontevedresa Belén Baquero Pérez debido á falta de atención e de sensibilidade que está a recibir por parte dos Servizos Sociais do Concello de Pontevedra.
Martín, o fillo desta veciña da parroquia de Lérez, ten 15 anos e padece a síndrome de Días-Logan, sendo un dos cinco casos que se atopan diagnosticados en España. Esta enfermidade "ultra rara" provoca trastornos psicomotores e problemas de visibilidade. "O meu fillo non é capaz de ver os chanzos", explica.
O 13 de novembro de 2023, Belén presentou a solicitude dunha tarxeta de aparcamento para persoas con discapacidade no Concello de Pontevedra, unha vez entregada toda a documentación na que se mostra que o seu fillo presenta un grao 3 de dependencia, cunha discapacidade do 87%.
A 22 de xaneiro segue a agardar por unha resposta a esta solicitude por parte do departamento de Servizos Sociais do Concello pontevedrés.
Neste Nadal a situación agravouse. Martín sufriu unha luxación na rótula, que obrigou a escaiolar a perna desde a íngua ao nocello. Cada vez que é necesario que acuda ao Hospital Montecelo, a visita pasa a converterse nunha odisea porque Belén debe deixar o vehículo nun aparcamento de pago da contorna e facer o imposible para trasladar ao seu fillo, que pesa 78 quilos, ata a porta do centro hospitalario.
"Non entendo como noutros concellos o trámite se realiza dun día para outro e aquí leva tres meses"
Tanto o seu marido como a súa nai tentan colaborar en cada unha das citas médicas para trasladar ao neno, pero indican que a situación se resolvería coa tramitación da tarxeta de aparcamento para persoas con discapacidade á que ten dereito. "Non entendo como noutros concellos o trámite se realiza dun día para outro e aquí leva tres meses", afirma Belén.
PIDE UN MÍNIMO DE EMPATÍA
Ante a situación decidiu acudir ao departamento de Servizos Sociais no Chalé de Fontoira para explicar ao persoal a necesidade actual que ten para utilizar a tarxeta. A resposta que recibiu é que "hai persoas que levan desde xullo esperando" e só convidáronlle a ter "paciencia" porque todos os procedementos ían "con atraso". Belén Baquero non entende estas contestacións.
Presentou reclamacións por escrito e enviou tamén unha carta ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores demandando unha solución inmediata ao problema. Non recibiu resposta.
"Só solicito que se cumpra a lei e que teñan o mínimo grao de empatía sobre as diferentes situacións que nos xorden ao longo da vida destes nenos con tanta discapacidade", expón a afectada nas redes sociais para tentar facer unha chamada de atención pública sobre o seu caso.
Explica que ela é partidaria do modelo de cidade do goberno local porque beneficiou ao seu fillo en accesibilidade para camiñar por Pontevedra, pero agora atópase sorprendida pola falta de sensibilidade municipal ante un problema concreto: "menos publicidade e máis actuación para a resolución destes casos tan graves", demanda esta familia que precisa unha solución con urxencia para que Martín non sufra cada vez que se ten que achegar a un centro sanitario.