Custodia compartida, si ou non? O debate que non cesa

10 de maio 2026

Marta Rodríguez Engroba defende que a custodia compartida non é sempre a mellor solución para os menores e aposta por adaptar as decisións ás circunstancias de cada caso, destacando a importancia do benestar infantil

Un vello debate, o da custodia compartida como mellor opción, que vén de vello, e para o que, na nosa opinión, non se albíscea, nin moito menos, unha solución, por moitas voltas que lle estean a dar desde o goberno, que vén de aprobar novas medidas, din, que aos que facemos o traballo de campo, nin nos parecen tan novas, nin eficaces, que mesmo semella responsabilizar, ata certo punto, aos menores aos que din protexer, para adoptar unha decisión que si deixa algo claro, e é que poden pasar anos e anos, pero que, neste eido, e con respecto a esta cuestión, como a tantas outras, se segue a traballar "cunha plantilla" que serve para todos os casos, sen pararse a considerar que cada un deles é un mundo, e, porén, as súas circunstancias, totalmente diferentes.

Din que a prioridade é o benestar dos menores, e así debería ser, pero á hora da verdade, a realidade que acaba por impoñerse é que non sempre sucede, nos guste ou non admitilo.

Non imos debullar aquí todas as medidas porque non nos chegaría nin o espazo nin o tempo, pero si algunhas delas.

Un dos puntos aos que se lles está a dar máis relevancia é o dereito dos menores a ser escoitados, que ata agora só se aplicaba a partir dos 12 anos, eliminando ese limiar.

Esta medida, que a priori pode semellar moi positiva e, de feito, non ten nada de malo, todo o contrario, pero non esquezamos que pode resultar ser unha arma de dobre fío, porque un neno ou unha nena que manifeste en privado o que sente, se desexa estar cun dos proxenitores e non co outro, se quere estar cos dous... o que sexa, pode dar a volta totalmente do revés cando é preguntado fóra dese ámbito, por moi bos profesionais que sexan os que se entrevisten con eles, que o son, non nos cabe dúbida, pero que para os menores son estraños, alguén en quen non confían, porque é un descoñecido ou unha descoñecida, ou porque temen que a súa resposta prexudique a un dos proxenitores, ou a ambos, e en Si, Hai Saída temos visto casos nos que, mesmo cando existen situacións de violencia de xénero, e o neno ou a nena manifestan no seu círculo que non desexan estar co proxenitor maltratador, cambian totalmente o seu discurso á hora de expresalo no Xulgado, xa que, ao fin e ao cabo, trátase do seu pai, a quen queren, e temen danalo.
Isto é real, moi real.

Nós temos visto nenos e nenas chorando ata desgañitarse por non querer ir, no noso caso, co pai, e cambiar radicalmente de opinión á hora de ser preguntados, como tamén os temos visto nesa tesitura e, ao volver da fin de semana, ou do día que sexa, facelo tan contentos... Son nenos.

Outro dos puntos nos que incide é a introdución de mecanismos para abordar situacións de rexeitamento cara a un dos proxenitores, obrigando a investigar as causas e garantir contornas seguras.
E volvemos ao de antes.

Ese rexeitamento pode ser que llo expresen ao outro proxenitor ou a alguén en quen confían, pero non hai garantía ningunha de que o fagan así nun Xulgado.
É imposible. E ata agora falabamos de menores de 12 anos en adiante. Imaxinade cando as idades son inferiores.

Neste punto, cómpre destacar tamén a prohibición do uso da síndrome de alienación parental en procedementos xudiciais.
Ben, perfecto, pero, como evitamos que calen no menor? E non sempre por parte da ex parella, senón por outras persoas da contorna familiar do neno ou nena, ou mesmo amizades.

Eu mesma atopeime na tesitura, non hai moito, de que a avoa duns nenos era unha máquina de espallar odio cara á ex parella da súa filla, e pai dos seus fillos.

En pleno Xulgado, cando chegou o pai e manifestou o desexo de falar cos nenos, un adolescente e unha nena, tanto os menores coma a nai non puxeron nin a máis mínima obxección, pero a avoa materna dos nenos comezou a presionalos de tal xeito que eu, que estaba citada como testemuña, tiven que intervir e dicirlle que, ou calaba, ou que marchara, pero que de seguir nesa tesitura, eu mesma informaría ao xuíz, como era a miña obriga.

Tamén se sopesou a posibilidade das "casas niño", é dicir, que os menores continúen no domicilio familiar e os proxenitores vaian rotando, na procura da estabilidade dos nenos.
Unha utopía máis, xa que, ademais de esixir un entendemento perfecto entre a ex parella, ante aspectos tan elementais como o mantemento, en todos os sentidos, da vivenda, como dunha capacidade económica moi elevada, que, obviamente, non todo o mundo ten.

Hai que ter en conta, ademais, circunstancias tan elementais como os traballos dos proxenitores, horarios, etc., etc., etc., que, agás en moi poucos casos, fan viable esta opción, que se torna aínda máis difícil se un dos dous proxenitores, ou os dous, atopan novas parellas ou mesmo forman outra familia, o que acaba por transformar unha solución que semellaba ser ideal nun verdadeiro caos para todos.

Hai, sen embargo, unha medida que si nos parece moi positiva, que é o acceso a atención psicolóxica co consentimento dun só proxenitor, xa que eran moitos os casos nos que, existindo violencia de xénero, o agresor vetaba este dereito, impedindo así un elemento fundamental para a estabilidade dos menores.

En definitiva, a custodia compartida semella ser o estado ideal para os menores, pero non sempre é así, nin moito menos.

Tan só a boa vontade e o entendemento por parte de ambos proxenitores pode proporcionarlles a estabilidade que precisan e outorgarlles a custodia a ambos non sempre é sinónimo de que se acaden.

O estado ideal é unha cousa, pero a vida real, outra moi diferente, e isto non hai sentenza nin sinatura que o solucione.

Polo demais, reiteramos, cada caso é un mundo, unha historia, coas súas particularidades, e non todo é branco ou negro.

Hai grises, e con moitos matices, ademais, e as "plantillas" de nada serven cando se fala de seres humanos, e, porén, de sentimentos, e menos aínda cando se trata de menores, que acaban por ser as vítimas inocentes e os máis prexudicados, se mire por onde se mire.

Asociación Si, Hai Saída

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora