A década prodixiosa I: Xente e Goberno Popular

27 de setembro 2025

Vai máis dunha década, algo máis de catorce anos, polo 2011, María Ramallo Vázquez é elixida alcaldesa pola Corporación. Tempo dabondo para facer unha revisión da mudanza radical que deseñou o Novo Marín despois de tantos e tan frutíferos anos.

Aferreime aos datos para evitar xuízos de valor. Por dicilo dun modo un pouco sobrado: un método científico, lonxe –na medida do posible– de fobias e filias.

Imos darlle, se mo permiten, un ou dous "anos de graza ou cortesía" ao Goberno Municipal que se conforma no 2011: o do Partido Popular. Parece tempo dabondo ao tempo que amosa a galanura das nosas reflexivas intencións.

Unha realidade, unha mudanza, calquera transformación non pode perder de vista a comparanza de datos: mirar para outros, os nosos veciños, e analizar se vamos mellor, igual ou peor. Esta metodoloxía afasta a tentación do "si pero..." dado que os nosos veciños de Cangas, Pontevedra, Bueu, Ponte Caldelas ou Vilaboa viven nun contexto social e económico moi parecido ao noso, cando non idéntico.

A poboación, a xente, a súa cantidade ou calidade é un valor primordial; e máis na Galiza que esmorece demograficamente. A calidade é difícil de valorar, supoñamos igual para todos e todas.

É a poboación, a xente, a cidadanía, suxeito e obxecto da política municipal. A súa situación, inquedanzas, perspectivas terían que ser o norte que guía a acción municipal.

A cantidade é outra cousa: medramos, mantemos o tipo, vamos a menos...? É un indicador de avance, pausa ou retroceso como comunidade sociopolítica, como concello ou, se quere, como Axuntamento ou Municipio? É "a nosa xente", coa que enchemos a boca cando por aí vamos falando de Marín e de nós. Marabilloso grupo humano: os e as marinenses.

Analizando os datos de poboación dos concellos cos que lindamos e lidiamos aparecen datos absolutamente preocupantes, case aterradores: fálase de cotío da despoboación da Galicia interior, da Galicia rural, e –sorprendente e miserablemente– o dato de Marín supera, e moito, os datos dese "prodixioso decenio" do que falabamos antes. E nada pasa ou parece pasar. Somos, os marinenses, un grupo humano en vías de extinción. Os datos confírmano.

En Galicia, esa comunidade con tan fondos problemas demográficos e de despoboamento, botamos as mans á testa cando oímos falar diso. O dato é irrefutable: nos derradeiros 12 anos Galicia perdeu o 3,27% da súa poboación. Que lles parece?, a min terrible.

Na nosa contorna os concellos de Bueu, Cangas, Vilaboa, Poio, Pontevedra, Moaña, Cangas ou Pontecaldelas reflicten unha variación media da poboación do +0,34%. Ou sexa, dez veces menos –aproximadamente– que o despoboamento de Galicia. Non vamos ben, pero tampouco vamos mal, como galegos.

E Marín? Como sempre para o final. O dato de Marín é sorprendente e, xa o dixen, mesmo aterrador: Marín perdeu nos 12 últimos anos un 5,98% de poboación, non é "máis poboación" é "moita menos poboación".

Marín ten un -5,98% de poboación menos que hai doce anos. Somos, nisto si, os gañadores de Champions Poboacional: duplicamos case o índice de perda de poboación de Galicia, que xa se sabe que vai como vai, e multiplicamos por 20 –por vinte, repito– a perda de poboación media dos concellos da nosa contorna. Neste eido, o demográfico, pódese afirmar sen dubidas de ningún tipo que estamos moito peor que o conxunto do país, e a anos –que parecerán séculos– dos concellos da nosa contorna.

Ten algo que ver o Partido Popular? Desde logo que non. En calquera caso será o Goberno Municipal e a súa máxima representación o que terá que explicar as causas e consecuencias deste dato.

Incrementou Marín o seu "capital humano"? Non, desde logo en cantidade; perdemos valiosísimos activos humanos que se dilúen no medre dos municipios da contorna. É esa unha política, en xeral, e demográfica, en particular, que podamos denominar boa, excelente, construtiva ou é...? Califíquea vostede de cero a dez.

Neste eido un non dá para máis. Chégame co funesto e catastrófico dato do despoboamento acelerado; 20 veces máis rápido que os concellos da contorna.

N.B.: Datos elaborados a partir dos oficiais do Instituto Galego de Estatística.