De deixar que a xustiza faga o seu traballo nin falamos, non si?

08 de xuño 2025

O xeito máis eficaz de que a loita contra a violencia sobre a muller perda toda credibilidade.

Vou comezar cunha pregunta que igual parece absurda, pero que, visto o visto, igual mesmo ten algo de sentido.

O espazo onde o xa ex-conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abusou, presuntamente, de Paloma Lago debe de ser do tamaño, como mínimo, dun estadio de fútbol ou máis, sen ningunha dúbida.

Por que pregunto esta parvada? Pois moi sinxelo, porque, a xulgar pola cantidade de persoas que, non soamente saben o que alí aconteceu, con todo luxo de detalles, e se outorgan o dereito, xa non de opinar, que ese, por suposto, si o teñen, senón de acusar e sentenciar, e non estou a falar soamente da cidadanía, senón de políticos, diversos colectivos, etc., etc., etc., ignorando por completo a xustiza e autoerixíndose en xuíces e xuízas, e de supoñer que estarían alí, e coñecen, porén, ata o máis mínimo detalle do sucedido.

Dito isto, e antes de continuar, quero aclarar, coma sempre que se dá un lamentable suceso desta índole, que, nin como representante de Si, hai saída, nin a título persoal, me vou pronunciar, en primeiro lugar, porque, obviamente, non sei o que pasou realmente, como é lóxico, e, en segundo, aínda que o soubera, non sería quen para dicilo publicamente, senón que a miña obriga sería denuncialo onde e ante quen corresponde, algo que tantos "opinólogos" semellan ignorar, e, desde ese momento, respectar a actuación da xustiza, que tamén sería, é, a miña obriga.

Naturalmente, teño a miña opinión persoal, pero é xustamente iso, persoal, única e exclusivamente. Non vou referirme, por tanto, ao sucedido entre o Sr. Villares e a Sra. Lago, senón ás reaccións xurdidas unha vez que a noticia se coñeceu, e que son moi graves, gravísimas, de feito.

Desde o primeiro momento sucedéronse as acusacións máis rotundas, algunhas contra a presunta vítima, as menos, pero tamén as hai, e outras, a inmensa maioría, contra el, o presunto abusador, ignorando olimpicamente a presunción de inocencia, que é un dereito que, nos guste ou non, nos ampara a todos os cidadáns. É o que hai, existe, e, porén, cómpre acatalo. Isto non implica necesariamente, por suposto, que quen o fai, como, reiteramos, é o correcto, se estea posicionando dun ou doutro lado. Está, sinxelamente, actuando como corresponde.

Estamos a presenciar un espectáculo deleznable no que algo tan grave, tan doloroso, como é a violencia sexual, se está a utilizar como arma arroxadiza entre partidos políticos, que, sabendo o tirón mediático que este lamentable suceso ía ter, dada a identidade dos seus protagonistas, non dubidaron en subirse ao carro, e o mesmo está a suceder desde outros ámbitos.

Porque, non nos enganemos, se a presunta vítima non fose a Sra. Lago, o interese suscitado sería mínimo, como pasa con tantas e tantas agresións das que son vítimas moitas mulleres anónimas e que non lle interesan a ninguén máis alá do momento, especialmente se suceden en datas próximas ao 25 N ou ao 8M, pero que, a fume de carozo, pasan ao esquecemento máis absoluto. E se o presunto agresor non fora quen é, máis do mesmo, esquecemento "express".

Por outra banda, non se pode esquecer, baixo ningún concepto, que as agresións sexuais se cometen, habitualmente, no ámbito privado, polo que demostralas é francamente complicado, pero isto non implica, nin moito menos, que non exista o delito.

Como, sen ir máis lonxe, se pode tolerar que un xornal, suponse que serio, publique unha información baseada nun programa do corazón? E isto sucedía onte mesmo.

Como se pode ter a ousadía de xulgar e pronunciarse dun xeito tan rotundo, publicamente, sen saber a verdade que, polo momento, é algo que soamente coñecen os dous implicados?

Como se pode ser tan incoherente como para esixir respecto para a vítima, cando a mesma persoa que o está dicindo non dubida en sacar proveito dela, da súa identidade, e das súas circunstancias?

Por outra banda, hai outro aspecto que non deberíamos ignorar. Se hai meses que o presidente da Xunta ten coñecemento da existencia desta denuncia, por que o Sr. Villares non foi, de inmediato, afastado do ámbito político?

É todo francamente lamentable, moi lamentable.

E, ante un panorama tan desolador, nós pregaríamos que, se de verdade queremos axudar as vítimas de calquera tipo de violencia, e damos por sentado que así é, polo menos todos os que estamos a traballar neste ámbito, deixemos que a xustiza cumpra co seu cometido, sen tratar de suplantala, e sen levar a cabo xuízos temerarios que para nada nos corresponden.

Non por facer máis ruído imos ter máis razón.

Demostremos que nós si sabemos estar no sitio que nos corresponde, que é apoiando as vítimas, e non aproveitándonos da súa condición para sacar partido dela.

Non esquezamos que os xuízos paralelos, que é o que se está a facer neste caso, como en tantos outros, por máis que nos poida parecer o contrario, lonxe de axudar as vítimas, o que fan é entorpecer o labor da xustiza, sendo elas precisamente, as máis prexudicadas.

Non permitamos que se faga, de tanta dor, espectáculo, e non caiamos na trampa de formar parte del.

Por outra banda, gustaríanos recordarlles aos políticos, que non dubidan en utilizar a violencia de xénero como estratexia electoral, vendéndonos a súa enorme implicación, o demostren coas súas actuacións e actuando en consecuencia, con accións que así o evidencien, e que van desde, ante o máis mínimo indicio de posible violencia machista dun dos seus integrantes, afastalo das súas filas ata que o tema se resolva, máxime cando, coma neste caso, xa estaba a ser investigado, malia o cal se mantivo no seu cargo durante meses, e definitivamente, por suposto, no caso de demostrarse a súa culpabilidade, pasando por deixar de mercantilizar politicamente a violencia de xénero e as súas vítimas, e lembrarlles a todos, sexan da cor que sexan, que a súa condición non os exime de respectar a actuación da xustiza, nin lles dá dereito algún a asumir o seu rol e emitir sentenzas.

Pola contra, a eles máis que a ninguén lles correspondería ser referentes e exemplo de obxectividade e coherencia, pero o afán de poder os perde. E, para rematar, e de novo, estou a referirme ao ámbito político, recordarlles algo que é moi vello, tanto como o propio mundo, que é, nin máis nin menos, que, para criticar as casas alleas, hai que asegurarse de ter a propia impoluta, e aínda así... A bo entendedor... xa saben.

Asociación Si, hai saída