En mans dos algoritmos

07 de setembro 2025

Semella que gozamos de liberdade, pero cada vez estamos máis controlados: un paradoxo evidente. Presumimos de sociedades libres porque a información está a un clic e a censura parece un fósil. Con todo, esa liberdade é unha ilusión. Estamos sometidos a mecanismos de control tan sutís e penetrantes que non precisan cadeas nin garrotes. Esta vixilancia actúa tanto no espazo público como, en silencio, a través do noso propio móbil.

Esta nova orde susténtase na captura dun recurso que entregamos sen reparos: a nosa atención. Atrápannos con reclamos banais, desde carteis publicitarios ata músicas de fondo nunha tenda que nos empurran a consumir, pasando por anuncios personalizados nas redes sociais que nos seguen coma unha sombra. Engaden, ademais, a influencia de famosos e influencers que nos intentan convencer da necesidade de mercar ou último modelo de sofá inchable con forma de langosta. Mentres tanto, os algoritmos seleccionan as noticias que nos interesa recibir, o móbil xeolocalízanos sen resistencia e até a neveira “intelixente” coñece mellor a nosa dieta ca nosa nai.

O verdadeiro truco, e aí reside a súa eficacia, é que aceptamos este panóptico cun sorriso. Así xorde unha especie de esquizofrenia colectiva: cremos ser especiais porque recibimos publicidade adaptada aos nosos desexos, pero ao mesmo tempo quedamos encerrados en burbullas que só alimentan os nosos prexuízos.

A diferenza do pasado, o control actual non ten un centro nin un único “gran irmán”. Hai milleiros, cada clic, cada compra en liña ou cada canción reproducida nunha plataforma de streaming revela unha parte de nós. A gaiola é invisible pero omnipresente: unha rede dixital que vai desde as cámaras en cada esquina da rúa ata os asistentes de voz que habitan no noso fogar. Sen decatarnos, vivimos baixo múltiples miradas anónimas que nos observan de continuo, sen que sexamos conscientes diso.

O máis insólito é que somos nós quen abrimos a porta deste control. Entregámonos con entusiasmo, fascinados polas promesas da tecnoloxía. Compartimos en Instagram, TikTok ou Facebook a nosa vida enteira: vacacións, pensamentos íntimos, rutinas cotiás. Cremos exercer a nosa liberdade, pero en realidade construímos un perfil que servirá para predicir os nosos desexos, dirixir o noso consumo e moldear a nosa identidade. En fin, estamos entregando un fabuloso agasallo aos algoritmos.

Neste contexto, resignarse equivale a un suicidio asistido. É preciso resistir, e o primeiro paso é a alfabetización dixital. Todos, desde o avó ata o adolescente, deben comprender como operan os algoritmos, que implica ceder datos e como condiciona iso a nosa liberdade. Só o coñecemento crítico pode actuar como escudo.

O segundo paso, máis persoal, consiste nunha hixiene dixital consciente. Significa ser avaros cos nosos datos: configurar a privacidade, limitar permisos, pensar antes de compartir. E, de cando en vez, apagar a pantalla, recuperar a conversa cara a cara, reconectar co mundo real ou simplemente camiñar polas rúas sen estar pendentes do teléfono.

En definitiva, é responsabilidade de todos esixir máis. A tecnoloxía non pode converterse nunha coartada para o control social. As institucións públicas, ancoradas no pasado, deben aprobar leis que nos defendan desta nova forma de servidume. Quen deseñan os algoritmos teñen que render contas, e non podemos permitir que a nosa atención sexa secuestrada. O futuro da liberdade depende de que asumamos o papel de directores da nosa propia vida, e non de simples figurantes nun guión alleo.