Morrer cas botas postas

16 de xuño 2025

Pedro Sánchez, que lle gana a Xesús en resurreccións, desta vez teno moi duro. Non sabe cara onde disparar. Non pode botarlle a culpa á UCO, son gravacións de Koldo. A cousa non ven de conspiracións da prensa da "caverna"

Pode que cando se publique este artigo xa estea reseso. As noticias van á présa, moitas veces caducan no mesmo día. Nunca perdín a capacidade de asombro. Non me sorprende a corrupción, non. Vin xa moitos casos. No país que inventou a "picaresca" case parece "normal" que estas cousas pasen. A historia recente nolo di. Ruiz Mateos, Mario Conde, Francisco Granados, Carlos Fabra, José María del Nido, Luis Roldán, os homes do Gal de Felipe González, Díaz Ferrán, Juan Villalonga (compañeiro de pupitre de Aznar ao quen se lle condenaron 11 ministros), Iñaki Undargarín, Luis Bárcenas, Jordi Pujol, Francisco Correa, Álvaro Pérez, Pablo Crespo e, máis que quedan sen poñer, agora xúntanselles Koldo García, JL Ábalos e Santos Cerdán. E os empresarios corruptores, que sempre nos esquecemos deles. Neste caso sorpréndenme dúas cousas. A primeira que sexa un dos imputados quen gravou todo. A outra, ademais de ser uns mediocres como o resto de corruptos, a uso dunha linguaxe groseira, vulgar e, sobre todo, machista. Créase desafección e caldo de cultivo para os populismos. Entrei na política no franquismo. Sempre me custou cartos, parecíame o normal, como debe ser. Cotas, avais de cretos ou extras cando viña unha campaña. Era, e é, cousa común na esquerda (AN-PG, PCE, MC ou PT). Os partidos mantíñanse co traballo e cotas dos militantes. Entrábamos en política formándonos. Teoría política,historia, literatura, cine, música...O responsable (*) da miña célula insistía na honradez, "hai que ter ética, non se pode ser revolucionario sen ser honrado". A partir do 15 de xullo de 1977 comeza haber moitas eleccións en España, os partidos "grandes" queren presentarse a todo e todos os sitios, hai que buscar xente. UCD aproveitou a estrutura do Estado. AP, con Fraga ao fronte usou a rede caciquil franquista. E o PSOE, que alomenos en Galicia case non tiña a ninguén foi collendo aquí e alá, colleu de todo, entre outros, xente con aires de novo rico, e pouca preparación e compromiso, agás o que teñen con eles mesmos, saíron "ras" coma as de Esperanza Aguirre.

Sorpréndenme as actuacións dos grupos. O PP segue co raca-raca que, por unha parte é lóxico, mais por outra quédase niso, cando o que tería que facer é presentar unha Moción de Censura. Feijóo di que non a presenta porque a perde e, di el, sería darlle aire a Sánchez. Debe mirar a Felipe González cando a presentou contra Adolfo Suárez, non tiña apoios suficientes e presentouna igual, iso fixo medrar o seu valor. Feijóo sabe, tamén, que non ten formación suficiente, agás o insulto, para defendela. Di que isto en Europa non pasaría cando é o presidente dun partido condenado por corrupción e hai fotos del cun narcotraficante condenado (iso non pasaría en Europa). Sabe que non é o preferido no seu partido e que a política do PP marcarse desde Madrid. É dicir ten medo, igual debería plantearse, tamén, irse.

Nos do apoio á investidura hai de todo. O PNV e Junts falan ca boca pequena, pouco ruído e regular esixencia, polo de agora, xa que o que pode vir (PP-Vox) non parece bo para os seus intereses. A esquerda sufriu, e sufre, un proceso de bipolar. Vexo cando hai eleccións. Si o PSOE gana, celébrano, séntense contentos. Logo esíxenlle máis e máis, como bos gardadores das esencias. É bo que pidan explicacións, mais tamén deben arrimar o ombreiro, aquí vexo coherentes a Bildu, Esquerra e BNG. O resto Sumar, Podemos e amigos deben saber, a esta altura da película, que a súa división non é culpa do PSOE. Gardar as esencias está ben, pero coidado que si se gardan moito tempo poden caducar, non se confundan de adversario.

Tamén deben baixar os pés á terra e non comezar por pedir o máximo neste momento.

Pedro Sánchez, que lle gana a Xesús en resurreccións, desta vez teno moi duro. Non sabe cara onde disparar. Non pode botarlle a culpa á UCO, son gravacións de Koldo. A cousa non ven de conspiracións da prensa da "caverna". Non parece que sexa cousa de "lawfare", ao xuíz póñenllo en bandexa os acusados. O responsable, que non culpable, é el mesmo por confiar en Ábalos e logo en Cerdán. Na súa casa, o PSOE, hai movementos en contra del. Cando nos o houbo? Nin os "susanistas", nin os "madinistas", nin os "felipe-guerristas" e nin García Page lle perdoaron que ganara as primarias. Queren que convoque eleccións e que el non se presente (?), ou peor aínda que se convoque un congreso extraordinario, que non se presente a secretario xeral e logo convoque eleccións. A obriga de reaccionar é de Sánchez, non lle queda outra, está só. A rolda de prensa que dou pedindo perdón foi cativa por non dicir cutre. Podo comprender á persoa que levou unha boa trompada, ben dada, nos fociños, e aínda anda un pouco noqueado. Ten que facer máis. Debe presentar unha Cuestión de Confianza e dar explicacións de todo, desde o cese de Ábalos ata o que pasa agora. A reacción é del, terá que asumila e ser forte se quere refacer o camiño da lexislatura. Debe falar cos socios da investidura non lle queda outra. Sei que unha utopía pero sería bo que tiveran unha reunión todos os socios da investidura "a calzón quitado", cas cartas de todos enriba da mesa. Deben medir ben os tempos. Poden salvar a lexislatura facéndoa máis social e poñendo novas medidas contra a corrupción? Que lles interesa máis a todos os socios, un goberno PP-Vox ou manter a lexislatura? Aínda hai unha terceira posibilidade, segundo me contan os meus amigos periodistas en Madrid, que me din que se non se presenta Sánchez se presentaría García Page e pactaría con Feijóo, logo a prensa (de Madrid) vendería o acordo facendo comparacións con Alemania. Os socios teñen tamén moito que dicir. Sánchez debe aplicar o seu libro, "Manual de Resistencia", e si non é culpable de nada tirar para diante. Vista a lista de corruptos e corruptores, unha lista "todo pirolas", non hai ningunha muller, aconsellaría a Sánchez que logo da Cuestión de Confianza fixera un goberno só de mulleres. Non lle queda máis que aguantar e defender o posto, está rodeado, e, de morrer, morrer cas botas postas como fixo o xeneral George Custer (Errol Flynn) rodeado por Cabalo Tolo (Anthony Quinn) en Little Big Horn, no filme They Died with their Boots On (Morreron cas botas postas).

 

(*) O responsable da miña célula no franquismo, era Cosme da Fonsagrada. Era o nome de guerra, o de verdade era Xosé Rifón. Antonio Muñoz Molina dedícalle un capítulo na su obra "Ardor Guerrero"