Unha ponte ateigada de bandeiras

15 de setembro 2025

Antón Roel escribe sobre as bandeiras de Palestina na Ponte da Barca ao paso do equipo ciclista israelí esta semana: "as bandeiras e pancartas non matan, os fusís nas mans do odio, si"

Foise agosto deixando todo o sol nos espalleiros do viño para agora en setembro os viñedos ateigados de uvas que semellan alá polo Salnés pepitas de ouro vello, listas para a vendima nunha colleita que semella vai ser abondosa. Nós aquí agardamos unha chea de xente con moitas bandeiras de Palestina na Ponte da Barca nunha protesta pacífica respeitando a presenza dun equipo ciclista israelí que pensa que co deporte a xente se vai esquecer do xenocidio que o país que representa está a levar a cabo en Gaza co consentimento de moitos países e o Comité Olímpico Mundial que expulsou os rusos por moito menos.

Como acontece a cotío, o pobo é quen máis governa e sempre vai un paso adiante dos políticos, como aconteceu recentemente coa vaga de lumes que arrasaron os nosos montes: os políticos chegaron cando xa os veciños se decataron do perigo e cos poucos medios dos que dispoñían tiñan controlado o lume. Nalgúns casos, por desgraza, nada puideron facer e perdérono todo. Logo si chegaron os políticos para a foto e a man chea de promesas que logo non cumpren. Cando xa non quede nada, acordaranse do xenocidio de Gaza.

Gústame o ciclismo e gustaríame velo con tranquilidade ao paso pola cidade, pero axiña me veñen á memoria as colas da fame de nenos e nenas tiroteados e morrendo de fame. Agora que comeza o curso escolar, once mil nenos e nenas en Gaza non poden estudar porque os asasinaron xunto a máis de seis mil nais. Os nenos e nenas que quedan, se sobreviven sen escolarizar, que pensamos que van facer de maiores cando asasinaron a toda a súa familia e quedaron sen fogar? Na orixe do conflito todos nós condenamos a Hamas, pero pensamos que Israel cos medios que ten buscaría os culpables para castígalos, pero polo visto só era unha escusa para, segundo todas as democracias do mundo, en lexítima defensa exterminar ao pobo de Gaza que, como nós cando ETA, non teñen culpa de nada.

Sorpréndeme a pouca solidariedade dalgúns medios de comunicación polos seus compañeiros de profesión, os xornalistas que son asasinados a cotío por informar do que está a pasar na franxa de Gaza, non poñendo imaxes das protestas masivas contra o xenocidio. Incluso lin nun artigo de prensa que a frota que leva axuda humanitaria van facer turismo de luxo en iates e Greta e a xente que viaxa con ela só busca publicidade, cando, tal como actúa Israel con completa inmunidade, en realidade están xogándose a vida ou o cárcere por levar alimentos e medicinas para que a xente non morra de fame e enfermidades e facer un corredor seguro para que as crianzas poidan sobrevivir. As bandeiras e pancartas non matan, os fusís nas mans do odio, si; e o mirar para outro lado fai dano nas conciencias e feridas na alma. Oxalá que a morte de inocentes non nos sexa indiferente e non nos esquezamos do que acontece na franxa de Gaza.