Prohibir o móbil non educa

02 de maio 2026

José Enrique Abalo sinala que a restrición sen formación non educa; pospón. E cando a realidade irrompe, o golpe é maior. A lei, neste sentido, queda curta: debuxa límites, pero non constrúe o camiño

Hai leis que nacen con vocación de compás e acaban sendo un bonito calcapapeis. A nova norma de educación dixital da Xunta de Galicia aspira, por fortuna, ao primeiro. Chega con anos de atraso —como case todo o que ten que ver coa tecnoloxía cando pasa polo BOE—, pero polo menos chega. E regula, por fin, ese territorio salvaxe no que se están convertendo moitas aulas: móbiles omnipresentes, gravacións furtivas e privacidade dos menores en perigo.

Aplausos, si. Pero sen entusiasmo excesivo, precisamente por ser unha norma necesaria merece algo máis que aplausos, require unha lectura crítica que esixa o que aínda lle falta.

A lei prohibe gravar sen consentimento, difundir imaxes que vulneren a intimidade e limita o uso do móbil antes de terceiro de ESO. Medidas sensatas para problemas reais. Porque as aulas galegas, e as de calquera esquina do país, levan tempo sendo escenarios dunha hiperconectividade sen educación: humillacións que viaxan á velocidade da luz, conflitos amplificados por pantallas e datos persoais circulando, por grupos de mensaxería, coa alegría de quen reparte caramelos.

É verdade que a nova norma pon orde ou, polo menos, téntao. Pero aquí convén desconfiar: prohibir non sempre é educar. Ás veces é simplemente aprazar o problema cunha elegancia normativa envexable. Vetar o móbil até os catorce anos pode xerar esa perigosa ilusión de control que tanto gusta aos despachos: lexisladores tranquilos, directores apoiados e docentes armados co "está prohibido". Todo moi limpo. Moi ordenado. Moi ficticio.

Porque o problema segue aí, esperando. O alumnado que alcanza terceiro de ESO sen recibir unha mínima formación ética sobre o uso da tecnoloxía non é un alumno protexido. É, máis ben, un usuario novato con acceso repentino a un artefacto sofisticado, unha bomba de reloxaría.

A restrición sen formación non educa; pospón. E cando a realidade irrompe —que o fai sempre, con puntualidade case británica— o golpe é maior. A lei, neste sentido, queda curta: debuxa límites, pero non constrúe o camiño.

O que falta é un itinerario. Unha transición dixital que non consista en acender o móbil o día do décimo cuarto aniversario como quen inaugura unha autoestrada sen sinais. O que esta norma necesita, e non ten, é un plan de transición dixital asistida. Un itinerario curricular progresivo no que o uso do dispositivo se integre de forma gradual, supervisada e reflexiva desde os primeiros cursos de primaria. Non para que os nenos e nenas usen o móbil antes, senón para que cando chegue ese momento saiban exactamente que están a usar, para que e a que prezo.

E aquí entra en escena o actor principal: o profesorado. Porque unha lei educativa, por moi moderna que se declare, non deixa de ser papel mollado ata que alguén a converte en práctica. E ese alguén non é un algoritmo, senón un docente.

É necesario, formar ao docente. A súa capacitación non se pode limitar a ese "cursillismo" burocrático que certifica horas pero non transforma nada. Debe ser útil, contextualizada e, si é posible, respectuosa co tempo de quen ensina. Non se trata de fabricar expertos en software, senón arquitectos de aprendizaxe.

E logo está a outra metade do problema: as familias. Porque de pouco serve blindar a aula se o salón de casa funciona como unha barra libre dixital. A coherencia educativa non pode deterse na porta do colexio. Resulta difícil falar de privacidade na clase cando esa mesma privacidade se dilúe nos grupos familiares de WhatsApp coas fotos do festival de Nadal en redes sociais.

A escola non pode ser unha illa sensata rodeada dun océano de entusiasmo irresponsable. Se a Xunta quere que esta lei funcione, terá que mirar máis aló dos centros educativos. Formar ás familias non é un engadido opcional; é unha condición necesaria. E non con charlas ocasionais que se esquecen ao saír pola porta, senón con programas serios, continuados e, sobre todo, útiles. Non para converter as nais e pais en enxeñeiros informáticos, senón en acompañantes competentes.

En definitiva, a lei é un bo comezo. Pero, como case todos os inicios, ten algo de promesa e bastante de incógnita. O risco non é que falle o que di, senón que ninguén se ocupe do que cala.