O XUSTILHO
Boas; aínda que custe crelo, son a unidade PXP 19.50, un autómata, un andriode de baixo presuposto. Como a intelixencia natural anda máis ben escasa, estou equipado con intelixencia artificial pero tampouco en demasía, non vaian a pensar. Postos a aforrar, puxéronme pouca vista, pouco pelo, poucos dentes e uns poucos neurochips baratos-baratos made in China. Pola contra sóbrame pel, orelhas, napia e anos. Estou programado para contar contos de catro minutos que é o que me dura a batería. Se vos parezo patético, é o que hai. Xa se sabe que o barato sae caro. O CSIC espanhol tamén quería ter o seu robot e mirade vós a chapuza que fixeron. Venha, vai o conto:
O PITÍS
Había un home pobre, moi pobre que vivía nunha aldea no curuto dunha montanha. O home tinha un can aínda máis pobre ca el e aínda máis ruín; nin gardaba casa, nin defendía amo, nin siquera tinha ansia para andar detrás das cadelas no seu tempo. Estaba tan fraco que nin as pulgas paraban nel…pero coma así tinha unha virtude; unha soa: que ventaba a morte. Si, amigos humanos…se Pitís ( que así se chamaba o chucho ) ouveaba pola noite á porta dalguén, ese alguén pronto iría pro val de Josafat, ou sexa: a dar malvas, é dicir: a tomar po…sesión do seu anaco de terra. Se seguia a alguén pola aldea adiante, ese alguén moi, logo faría o "tránsito". Vaites que aí atrás, os vecinhos botaron a faltar a Pacorrancha, un vecinho solteirón que vivía só. A sua casa estaba pechada con chave. Había tres días que non o vían por ningures. Daquela foron polo can para que investigase. Antes, tiveron que darlhe ben de comer. Disque co bandulho baleiro non podía pensar. Pitís subiu as escadas e uliscou por baixo da porta "Mirade como cheira. Se cadra o pobre Paco está morto aí endentro", dixo un. De súpeto, o Pitís estirou o pescozo, enrugou o focinho, encrispou as orelhas ne analizou o aire. Enton baixou as escadas, pasou entre os curiosos e botou a correr cara o monte. A patulea seguiuno correndo polas leiras abancando regueiros, subindo balados, caendo cada canto e erguéndose de novo molhados pingando, enlameados e berrando: "Pitís…Pitiiis…!". Cando chegaron á carbalheira darriba, o espectáculo que os agardaba era horrible: o Pitís estaba sentado no chan mirando a Pacorrancha que estaba no Carbalho Velho co cinto ó pescozo, cun papel na man, a cara encarnada, os olhos inchados e media língua fóra e…debía levar tempo alí que xa empezaba a cheirar…O peor foi cando o propio Paco dixo; "Que pasa ?, é que non pode un facer de ventre tranquilo ou que ??"
A RATEIRA
"Este home non era da Galiza Profunda. Era, maís ben, da Galiza elevada, é decir: da montanha. Unha manhá acordou, barbeouse, lavouse, vestiu o traxe e almorzou ( cando aquel home da aldea se emperiquitaba así, unha de dúas: ou ía ó médico ou a aranxar papelorios na capital ) No caso del era o segundo. Antes de marchar, vai a sua mulher e dilhe: "Home, xa que vas á vila, a ver se te acordas de traer unha rateira hó que o demo dos ratos acábanos co milho do canastro" O home díxolhe que vale, que moi ben e foise á parada a esperar o autocarro, que non sei eu a que vén iso de carro pois non ten chedeiro, nin canizas, nin fungueiros, nin cabezalha, nin bois…nin tan siquera ten tentemoso. Ben, cando o noso home rematou cos trámites todos, botou a andar caminho da estación dos buses e entrou alí na ferraxería de Echegharay na rúa Aduardo Pombal e díxolhe ó tendeiro: "Ten rateiras ?" O ferreteiro, moi amable díxolhe: " Pois claro que si senhor; temos varias. Hainas sinxelas, múltiples, metálicas, de madeira, de plástico, simples ou con resorte reforzado…" O paisano, un tanto apurado interrompeuno: "Acabe dunha vez e déame unha calquera que tenho que colher o autobús" O outro dixo: "Ai, tan grandes non lhas tenho hé"
ººººººººººººººººººººººººº
. O XUSTILHO
Isto aconteceulhe ó difunto de Fodencoiro, sogro do Escarpón, que foi quen o contou
Ese home, (o Fodencoiro) tamén era da Galiza elevada e disponhíase a ir á feira a Pontevedra ( cando aínda se facía na praza de Barcelos ) para vender os bois. Cando se estaba a preparar na casa, a parenta andábalhe detrás rosmando de cote. El preguntoulhe:
- Pero ti que tés, muller ou raio, que levas toda a manhán arredor de min resoando coma un abelhón…!?
- Boh, eu non tenho nada. Anda vaite xá, non vaia a ser que chegues tarde…
Pero aínda ben o home se viraba, volvía a mulher a resmungar:
- Aí vai o senhorito á vila e eu, que trabalho coma unha xovenca vran e inverno, quedo aquí toda enchouchada e ninguén ten un detalhe comigo…
- Ai que leria ! -dixo o home- Pero pódese saber que demo che pasa a tí esta manhá que xa me pareces o sinhor abade botando un responso en latín !?
- E que me vai pasar a min ? A quen lhe importa o que a min me pase ?
- Pois faime o favor de ficar caladinha e non romperme a cabeza co teu rexoubeo que xa tenho ben en que pensar !!
O home estaba visiblemente anoxado e ela calou en tanto que el colhía a vara mailos animais e disponhíase a sair polo portal. Nese xusto intre, a mulher asomou polo ventanuco do escusado e díxolhe:
- Eu quería un sostén ! -O home, cando tal oiu, parou en seco, botouse a rir e dixo:
- Como dixeches minha santa ? Un sostén ?…O que se acorda…E ti para que queres iso ós teus anos ? Nooo, a culpa tena a televisión que vos trae parvas dos tiros…Un sostén ! Mirade vós; agora de velha, ghaiteira…
Ela, que estaba toda encabuxada, pechou a xanela cun golpe e seguiu rosmando.
Na vila, o home xa vendera os bois a bo prezo por certo, e foi ata a zona velha a tomar un neto e unha tapa de polbo…e comezou a cavilar: " A paisana ten razón; trabalha todo o ano coma unha burra sen pedir nada a cambio…pois claro que merece o melhor sostén que haxa. Hoxe voulhe dar unha boa sorpresa, si senhor!" E foise pola Ferraría e entrou alí na de Clarita. Dentro había apenas un par de clientas atendidas porun par de dependentas novas. Unha delas achegóuselhe e preguntoulhe:
- Desea usted algo cabalhero ? -el, pilhado un pouco por sorpresa, contestou.
- Ei ?!…si, pero tranquila nena que eu tenho moito tempo e podo esperar. Primeiro atenda a esas senhoras mentres eu vou mirando por aquí.
Cando as clientas se foron, a moza volveulhe preguntar:
- Entonces, que se le ofrece cabalhero ? - o home, tatexando, díxolhe baixinho:
- Pois eu quería esteee…un sostén.
- Un sujetador ? Pués muy bién…
- Chisss! Non fale tan alto que pode escoitar calquera…
- Bueno, no le dé tanta importancia. Vamos a ver…que le parecen estos ?
- Moi bonitos…este negro de encaixe é o que máis me gusta..pónhame este.
- Tiene usted buén gusto. Y de que talla lo quiere ? -preguntou a moza sorrindo
- Eeee, como?…talha dixo vostede ?
- Si. De que tamanho lo quiere ?
- Esteee, pois eu que sei…Ten que perdoar pero eu de talhas non lhe entendo…
- Talla quiere decir tamanho. A ver; le ayudaré: Su mujer tiene los pechos pequeños y redondos como dos mandarinas ?
- Mandarinas ? Non, non, mandarinas non…
- Bién, entonces un poco más grandes como dos manzanas reinetas…
- Non senhorita, mazás tampouco.
- Entonces ovalados y puntiagudos como dos limones..
- Limons ? Non, nada de limóns.
- Y no serán redondotes como dos tomates grandes ? -O home aquel, perdida a paciencia, acabou por dicir:
- Mire senhorita: nin laranxas, nin limóns, nin tomates ! Déame unha cousa así coma para dous pementos fritos e xa está.
ººººººººººººººººººººººººººº
Perdoen que fique aloulado pero é que non estou programado para rir nin para chorar; non tenho emocións ( os meus chips Made in China non dan para tanto )
Disque nun pasado aínda recente, casos coma os do conto víanse como normais. Tras dun gran home? sempre había unha gran mulher, descanso do guerreiro, criada, amante, ama de cría sen soldada, a perna quebrada e na casa…Pero, por sorte, vinheron outros tempos e outro mundo foi posible e chegou o respecto, a igualdade, a conciliación, o empoderamento da dona, o reconhecemento…ou non…? Os bronces da "tertulia" da praza de San Xosé perecen dicir o contrario. Menos mal que como son un maquinilho, nin siquera me encabreo que se noooon……