O Santo Cristo de Xende

29 de maio 2026

Antas, naquel tempo unha aldea de trinta lumes do concello de A Lama onde naceu a miña nai, moitos homes e mulleres tiveron que ir cara á emigración para saír da miseria, sobre todo ían a Brasil, Uruguai e México, naquel tempo unha viaxe moi longa e cara e moitos non puideron retornar ao non poder pagar o pasaxe do barco para traelos de volta e morrendo en terra estraña moi lonxe dos seus seres queridos. Tarde decatáronse, como agora a sentiña que chega en Pateiras, que non hai Paraísos e non é tan doado gañar cartos como lles dixeran e só algún cacique que os gañou non moi legalmente puido regresar sendo rico.

Xende, unha aldea veciña que miña nai e suas irmás ían visitar camiñando tralo monte, unha delas casou alí, lembro que nós íamos moi a miúdo visitar a tía dende Pontevedra nun autobús que daquela tardaba moito, tiña moitas curvas e eu sempre me mareaba, un ano fomos cando as festas do Santo Cristo, a nosa nai levounos moi peiteados ca roupa estreada no Domingo de Ramos ao Atrio onde facían a festa ateigado de xente co estrondo dos Foguetes, a música da Banda e os Gaiteiros.

Miña nai mercábanos un feixe de Rosquillas enfiadas nun pau de Bidueiro que comiamos ata que as Badaladas da Igrexa anunciaban a saída da Procesión dos Cadaleitos con xente dentro deles por unha promesa, ás veces con nenos. A min impactoume moito e durante un tempo soñei e tiven pesadelos onde eu me atopaba dentro e logo o tapaban e alí ficaba, gustaríame saber a interpretación dese soño que faría Sigmund Freud, porén non quixen volver a Xende no tempo das festas do Santo Cristo.

Hai tempo, un amigo fotógrafo profesional tiña que facer unhas fotos para unha reportaxe para unha revista das Tradicións máis Singulares de Galicia. Logo de ir a Santa Marta de Ribarteme, que teñen unha tradición de Procesión de Cadaleitos moi semellante á de Xende, quixo ir facer unhas fotos a Xende e como sabía que eu o coñecía pediume que o acompañara, eu rexeitei ir pero ao final insistiu tanto que fun para así sacar o trauma da infancia.

Mágoa que nese ano os Cadaleitos ían baleiros. Frustrados, sentados na baranda de pedra ao carón da Igrexa, o fotógrafo ollando para min moi serio díxome se me podería meter nun Cadaleito para facer unhas fotos e non perder a viaxe, nese intre eu lembreime do soño da infancia, díxenlle unha mala resposta e case estivemos a punto de rachar unha amizade de moitos anos. Logo pediume desculpas e arranxou o reportaxe cunha foto doutro ano.

Nunca me gustaron certas Tradicións Populares como a de tirar animais dun Campanario ou manipular a infancia metendo nenos nun Cadaleito, pero sempre respetei que un home ou unha muller adulta, por fe, por tradición, por unha promesa ou polo que sexa, o fan e senten mellor sempre que non fagan dano a ninguén; eu o respecto aínda que non o comparta.

Alegroume ler nun cartapacio anunciando O Santo Cristo de Xende para cando remata o mes de Maio, cando o mundo énchese de flores e os Merlos están fartos de Cereixas e miña nai e suas irmás con moito coidadiño para non pisar as Xoaniñas agochadas entre as Herbas de Namorar, apañaban nós Praderíos Mapoulas, Lirios e Flores ventureiras e con moita tenrura ían colocalas nos Petos das Ánimas.

ADICADO AO MEU IRMÁN CARLOS QUE NACEU E DEIXOU O CORAZÓN EN XENDE