E se a fumata fose rosa?

05 de maio 2025

    Din que foi aló contra mediados do século IX. Unha muller meteulle unha pulla ao mesmo Espírito Santo. Ou non. Quen o sabe?  O Espírito Consolador, como tamén se chama, seica se entende ben coas mulleres. Entre os piropos a María figura “Esposa do Espírito Santo”.  Misóxino non parece ser.

    A Papisa, Xoana, dis que tomou o nome artístico de Benedito III ou de Xoán VIII (google), rematou mal. Ocorréuselle parir  dirixindo unha procesión. Iso foi caeu mal e non foi ben visto polas xerarquías eclesiásticas. 

  Para evitar que o caso se repetira a administración do vaticano reformou o procedemento e o ritual para elección de papa.  Creou a figura do sexador de papas. Habilitou as infraestrutas mobiliarias necesarias. Ideou a fórmula litúrxica para o recoñecemento e proclamación da xenitalidade da candidatura e púxolle música con pentagramas de aleluias e deograzas.

   Así é que, aínda que nin na Sagrada Escritura nin no Dereito Canónico se veten as mulleres para o aceso a xerarquía de Papa, a Sagrada Tradición e o Maxisterio Vivo da Igrexa están visceralmente na contra.    Aos socios non nos vai nin nos vén. Xusto non é. Elegante, tampouco. De bo gusto, non ten nada.  Iso si, cheira que bota para atrás.

   Para ser papa abonda con ser socio da institución. Calquera bautizado sexa clérigo ou laico, sexa varón ou muller, sexa docto ou analfabeto pode ser elexido. Quen realmente nomea papa é o Espírito Santo. A masa purpurada,  fechada con chave, é o medio material e mais as pompas rituais das que se vale o Consolador.  Eles, os mourados, son os seus voceiros.  Nin cortan o bacallau nin escoan os cachelos.

  Dado que o Concilio Vaticano II estableceu o diálogo da Igrexa co Mundo actual, e tendo presente:

O auxe do feminismo, co conseguinte empoderamento  social, político e laboral das mulleres.

 Que as mulleres son maioritarias nos actos de culto e nos coidados dos templos.    

Que as mulleres están a esixir a igualdade de dereitos respecto dos varóns.

Que rexeitan os teitos de vidro e a reivindican o seu lugar  no liderado das sociedades. 

Tendo en conta que estamos no mes de maio, raiando o trece, data propicia para Muller que manexa os cacharros celestiais.

Se a xustiza divina é xusta, quizabes haxa fumata rosa! 

 E que? 

Pois, deograzas aleluia!