Toque de defunto nas igrexas de Pontevedra pola morte do Papa Francisco

Pontevedra
21 de abril 2025
Actualizado: 10:44

O pontífice latinoamericano faleceu este luns ás 7.35 horas en Roma aos 88 anos

Papa Francisco
Papa Francisco

Os campanarios de todas as igrexas da cidade de Pontevedra tañen este luns co "toque de morte" ou "dobre de finados", pola morte do Papa Francisco.

As campás das igrexas tocan a defunto para anunciar a noticia e expresar o duelo.

Son badaladas lentas e graves en toques espaciados, convidando a comunidade á oración e preparación para o funeral que deberá celebrarse dentro de menos dunha semana.

O pontífice latinoamericano, faleceu este luns ás 7.35 horas en Roma aos 88 anos.

Este mesmo Domingo de Resurrección púidoselle ver dando a bendición Urbi et orbi desde o balcón. Francisco fora elixido Papa o 13 de marzo de 2013.

Tras a comunicación da morte do Papa por parte do Vaticano cesan todos os altos cargos da Santa Sede e esta queda en mans do cardeal camarlengo, o irlandés Kevin Farrell, de 77 anos, que exercerá as súas funcións ata que sexa elixido un novo Pontífice.

Tamén até ese momento interrómpense as conmemoracións polo Xubileo 2025.

Nas próximas horas, o cardeal decano, Giovanni Battista Re, convocará en Roma a todos os cardeais para o cónclave, aínda que só os menores de 80 anos, os chamados "electores", están obrigados a participar.