Chove, chove e segue chovendo; fai vento e friaxe. Pasamos de ser "Galifornia" a ser a Galiza de sempre, cando os paraugas eran "seteparroquias", as treboadas e borrascas non tiñan nome e chovía a carón desde que remataban as festas da Peregrina ata que, aló polo mes de marzo, chegaba o cuco coa orde de parar a invernía e dar paso á primavera.
É unha mágoa que este tempo fixera que Vaipolorío —que son a pinga de auga que cae no río e non parece nada, porén, sen esa gota o Gafos sería máis cativo e estaría menos limpo— se vira na obriga de suspender a visita anual ás Brañas no río dos Gafos, en Tomeza, no Día Mundial das Zonas Húmidas pola Candeloria. Segundo a nosa tradición, nese día casan os paxariños; con este tempo e coas árbores sen follas que protexían os niños, algún paxariño que casou quedou sen lúa de mel e sen fogar.
Neste ano o noso guía ía ser Gonzalo Sancho. Xa non está entre nós aquel home entrañable que nos acompañou moitos anos, Amancio Castro, o "Druída do Gafos", que coñecía todos os seus segredos e o nome de todas as árbores, plantas e fauna en xeral. Sempre que paseo polas beiras do río lémbrome del ao pasar a carón dun estripeiro que me dicía que era a árbore máis vella do río; e lembro que meu pai herdara do meu avó a maña de enxertar as froiteiras coas súas pólas. Lémbrome tamén de todos os homes e mulleres que querían ao río, de María Blanco Gómez, a derradeira lavandeira que nos deixou hai pouco, e doutras xentes que viron con impotencia como, nun tempo moi triste e gris, lle taparon un tramo do río da súa infancia dourada de mel e flores. Agora, no derradeiro tramo das súas vidas, soñaban con velo destapado; mágoa que non puido ser. Quedan poucos nenúfares na auga, papoulas na terra e estorniños no ceo; ao final a vida trátase de ir perdendo paseniño cousas que nos importan.
Entra febreiro e axiña as mimosas vestiranse de amarelo polo Antroido para dar cor ao gris da paisaxe. As mimosas, aínda que nos enganen coa súa beleza ao florecer, ao igual que a herba da pampa cos penachos e o eucalipto, non deixan de ser árbores e plantas invasoras que empobrecen e desertizan o chan, e cómpre erradicalas.
Rula unha lenda que chega coas andoriñas polo Gafos sobre un dos mellores pintores da historia, Van Gogh. Din que copiou o amarelo da chorima (a flor do toxo) para pintar os seus célebres cadros dos xirasois, porén ser el da terra dos fermosísimos tulipáns. Os homes e mulleres que escribían versos nun pano de mesa de papel no Moderno, Carabela e Savoy, e baixaban ao purgatorio da Cabaña e Albatros para rematar no inferno do Licor Negro onde perdían os versos, aseguran que non é lenda e acreditan que aconteceu. Eu fíome máis dos poetas que dos políticos e creo que esa lenda é certa.
Oxalá para o vindeiro ano poidamos ir visitar cos de Vaipolorío, no Día Mundial das Zonas Húmidas, as Brañas do río Gafos en Tomeza, e nos decatemos da importancia que ten para a natureza conservar este espazo natural que aínda se mantén virxe. Oxalá que por mil primaveras máis. Agardamos con impaciencia a chegada do cuco coa primavera no bico, que xa está a tardar.