Da televisión lixo á política lixo

04 de maio 2026

A política española atravesa un momento de ruído enxordecedor. Os debates parlamentarios, que deberían ser espazos de confrontación de ideas, transformáronse con frecuencia en espectáculos onde prima o exabrupto, a interrupción constante e o xesto teatral. Máis que deliberación, o que se percibe é unha pugna polo titular inmediato, polo corte de vídeo viral que circule en redes sociais durante horas.

Nese clima, resulta inevitable que moitos cidadáns establezan paralelismos con certos formatos televisivos do pasado. Aqueles programas de "telelixo" onde personaxes como Carlos Jesús, Pai Apeles, Carmen de Mairena, Paco Porras, Leonardo Dantés ou Tamara protagonizaban enfrontamentos tan absurdos como hipnóticos. Aqueles espazos, deseñados para provocar e entreter, atopaban o seu éxito na esaxeración, o conflito permanente e a ausencia de filtros.

Hoxe, salvando as distancias, algunhas sesións parlamentarias parecen beber desa mesma lóxica. As formas importan menos que o impacto, e o adversario político deixa de ser un interlocutor para converterse nun inimigo ao que ridiculizar. O ton gritón, a ironía ferinte e a descualificación persoal substitúen ao argumento. O resultado é unha política convertida en espectáculo, máis próxima a un estudio que a unha institución.

A comparación con programas como Sálvame non é gratuíta, nin casual, nin caprichosa. En ambos casos, o conflito é o motor narrativo. Sen tensión non hai audiencia e, na política, sen choque, non hai relevancia. Pero mentres en televisión ese xogo forma parte dun produto de entretemento, no ámbito político ten efectos profundos e preocupantes. A degradación do ton non só desgasta a calidade do debate senón que mina a credibilidade das institucións e, o que é peor, dificulta a construción de consensos. Esa desafección sostida no tempo abona o terreo a discursos simplistas e solucións radicais alimentando o desencanto xeral. Unha parte do electorado, especialmente no ámbito progresista, vai cara a abstención coa sensación de que o debate perdeu sentido e altura. Ao mesmo tempo, ese baleiro é aproveitado por forzas da extrema dereita que promete rachar con todo o anterior, aínda que sexa a costa de prometer mover os marcos dos lindeiros do sistema democrático.

Este fenómeno non xorde da nada. Responde a unha combinación de factores: a presión mediática, a inmediatez das redes sociais e unha crecente polarización que premia o enfrontamento sobre o acordo. Os partidos, conscientes deste ecosistema, adaptan a súa comunicación a el, aínda á conta de degradar o fondo do discurso.

A pregunta que queda no aire é se esta deriva é reversible. Recuperar un ton máis construtivo esixe vontade política, pero tamén unha cidadanía que deixe de premiar o espectáculo baleiro. Porque, a diferenza daqueles programas dos noventa, a política non debería ser un circo. Aínda menos un circo no que todos acabemos pagando a entrada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora