Aparcar en Marín converteuse nun problema grave e insostible. Hoxe é practicamente imposible facelo a calquera hora do día, e isto non é unha esaxeración: é a realidade diaria de veciños, traballadores, comerciantes e persoas que veñen facer compras ou xestións e que, tras dar voltas sen atopar praza, acaban marchando.
As consecuencias están á vista de todos. Cada semana pechan negocios, os locais baleiros multiplícanse e a actividade económica esmorece. Cando a xente non pode entrar en Marín, deixa de vir; e, cando deixa de vir, a vila perde comercio, servizos, emprego e vida.
O problema do aparcamento non é unha reivindicación dun sector concreto nin un capricho: é unha condición básica para o funcionamento normal dunha vila. Sen accesibilidade non hai comercio, non hai hostalaría, non hai clínicas, despachos profesionais nin servizos. Sen accesibilidade, non hai cidade.
Hoxe, quen tenta aparcar en Marín enfróntase a voltas interminables, frustración e perda de tempo. Esa experiencia fai que moitas persoas opten directamente por marchar a outros lugares. Esa decisión, repetida cada día por centos de persoas, ten un impacto directo e devastador na economía local. O resultado xa o coñecemos: peches, perda de emprego e degradación urbana.
Pero o impacto deste problema non se limita ao comercio. A perda de actividade económica tradúcese tamén en menos ingresos para as arcas municipais, menos impostos, menos taxas e menos recursos para manter e mellorar os servizos públicos. Unha vila con menos actividade ten tamén menos capacidade para investir no seu propio futuro.
Ademais, Marín está a perder poboación nova. Non é casualidade que sexa un dos poucos concellos da comarca onde a natalidade baixa. As decisións urbanas tamén inflúen en quen queda, quen marcha e quen decide formar unha familia aquí. Unha vila con dificultades para traballar, consumir e vivir non resulta atractiva para que a xente nova se quede nin para que novas familias decidan instalarse.
Este problema afecta tamén de maneira especial ás persoas maiores e ás persoas con mobilidade reducida. Sen opcións reais de aparcamento, tarefas básicas como ir ao médico, á farmacia ou facer xestións convértense nunha carreira de obstáculos. Unha vila accesible debe pensarse para todas as idades e condicións.
Mentres outras vilas da contorna facilitan o acceso e traballan para atraer actividade e servizos, Marín está a perder competitividade. A xente non deixa de vir por capricho, senón porque atopa máis doado e cómodo acudir a outros lugares. Trátase dunha cuestión de sentido común e de responsabilidade pública. Unha cidade á que non se pode chegar está condenada a morrer pouco a pouco.
Investir en aparcamento non é un gasto, é un investimento e un motor económico. Un exemplo sinxelo: 300 coches ao día supoñen arredor de 600 persoas. Cun gasto medio de 25 euros, falamos de 15.000 euros diarios, máis de 5 millóns de euros ao ano que non están a chegar á economía de Marín.
Hai solucións posibles e inmediatas: aproveitar o terreo de Méndez Núñez como aparcadoiro mentres non se lle dea outro uso, habilitar locais céntricos abandonados ou empregar zonas portuarias como aparcadoiro, tal e como xa se fixo noutras ocasións. O que non é unha opción é seguir sen actuar. Marín non pode permitirse converterse nunha vila baleira.
A veciñanza e o comercio queremos un Marín vivo, accesible, con xente, con emprego e con futuro. É hora de escoitar á rúa e poñer solucións enriba da mesa.
María Isabel Giráldez