Cerponzóns volveu camiñar coas herbas de San Xoán

24 de xuño 2025
Actualizado: 8:35

A asociación O Chedeiro organizou esta actividade durante o luns 23 deste 2025 polos camiños de Tilve, Chan do Monte, Parréi e A Bouza na parroquia pontevedresa de Cerponzóns

Este luns, ás sete da tarde, a Asociación de Veciños O Chedeiro puxo a andar unha nova edición da súa xa tradicional Andaina das Herbas de San Xoán. Dende o adro da igrexa de Tilve partimos con moita ilusión e cun bo grupo de veciños e veciñas da parroquia... e tamén doutros lugares que se sumaron con curiosidade a unha experiencia que para moitos foi a primeira.

Ao longo do percorrido —polos camiños de Tilve, Chan do Monte, Parréi, A Bouza...— fomos descubrindo non só fermosos recunchos que sorprenderon a máis dun, senón tamén o poder e a sabedoría das herbas que se recollen nesta noite máxica: carrasquiña, fiuncho, codeso, manzanilla, flor de silva, árnica, estalotes, chopo branco, madreselva, herba luísa, romeu, ruda, puenxo, ourego, folla de cana, de viña, de limoeiro, hortensia, rosas... e moitas máis.

Os máis pequenos desfrutaron como nunca, e todos aprendemos das explicacións dos máis vellos, que foron contando para que servía cada herba, que curaban, como se mesturaban... Unha verdadeira clase de cultura popular ao pé do camiño.

E a cousa non remata aquí! Para seguir celebrando esta tradición tan nosa, dende a asociación organizamos un Concurso do Cacho Máis Fermoso e Orixinal, onde os socios e socias poderán enviar unha foto do seu cacho, feito coas herbas recollidas, e participar nun certame que premia a beleza, a creatividade e o respecto pola tradición.

Un día redondo. De natureza, de memoria e de comunidade. E para quen non veu... xa se pode ir preparando para o ano que vén. Porque quen vén, repite. Palabra de San Xoán!

"Quen herbas de San Xoán colle, saúde todo o ano recolle."

Recollida das herbas de San Xoán organizada pola Asociación de Veciños O Chedeiro
Recollida das herbas de San Xoán organizada pola Asociación de Veciños O Chedeiro
Recollida das herbas de San Xoán en Cerponzóns
Recollida das herbas de San Xoán en CerponzónsAsociación O Chedeiro