Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero denunciamos os cortes de subministracións de electricidade e gas que, malia a prohibición expresa do goberno, está a levar a cabo a comercializadora NATURGY GAS&POWER aos colectivos máis vulnerables, chegando a anular contratos e a retirar contadores sen previo aviso, ignorando mesmo os informes de vulnerabilidade dos Servizos Sociais do Concello, que acreditan esta condición dos usuarios afectados.
Non é preciso, cremos, aclarar a extrema gravidade destes feitos, xa non soamente polas consecuencias máis obvias para os afectados, senón, e isto é o peor de todo, polas gravísimas e irreparables repercusións que estes cortes supoñen para a súa saúde, en moitos casos xa moi minguada pola súa precaria condición, que van desde problemas respiratorios ata alerxias producidas polo frío, e que poden levar, e, de feito, por desgraza, xa ten acontecido, a un fatal desenlace, máxime a partir destas datas nas que comeza o frío.
Así as cousas, desde Si, hai saída esiximos que, desde o noso goberno, ao cal tamén nos temos dirixido, se actúe coa máxima rigorosidade ante estes abusos inhumanos e pregamos aos afectados, así como á súa contorna, se coñecen algún caso, que non deixen de denuncialos.
Por máis que poida soar unha expresión moi manida, soamente a unión fai a forza, e, en consecuencia, frear os atropelos daqueles que maltratan sen piedade os máis débiles.
Facelo pode supoñer salvar máis dunha vida, e non esquezamos que calquera, por moi improbable que poida parecer, pódese atopar nun momento dado, nunha situación semellante, e que non se pode tolerar que maltratadores como Naturgy gocen de total impunidade.
Asociación Si, hai saída