Gratis ata puñaladas... e traballo ata a canonazos

03 de xullo 2026
Juan Méndez Martín

Juan Méndez Martín critica o uso do emprego como coartada para o gasto militar e defende a procura de alternativas industriais éticas que vaian máis alá do beneficio económico

Os mexicanos teñen unha gran sutileza para achegarse ao humor. Como calquera outra cultura, coa súa propia idiosincrasia. Unha das expresións orixinais deste país veu á miña cabeza días atrás: "gratis hasta puñaladas". Non creo que precise moita explicación. Por iso, en México, no mundo do marketing e do comercio, os anunciantes —sabedores desta característica do consumidor— adoitan engadir algo "gratis" á transacción.

Acordeime desta frase escoitando o debate entre Miguel Tellado e Néstor Rego hai duas semanas no Congreso dos diputados. Rego propoñía unha redución do gasto militar e abrir paso a unha política distinta. Tellado respondeu cun argumento coñecido: "sería una navajada al trabajo en Ferrol".

Escoitamos moitas veces esta apelación ao "emprego". É un auténtico passe-partout da política: tanto serve para xustificar unha fábrica nunha marisma, unha corrida de touros ou —se ninguén lle pon freo— o proxecto que agora se cerne sobre Marín de crear unha base da OTAN para fragatas. Pero resulta intelectualmente moi pobre establecer un dilema automático entre reducir gasto militar e destruír emprego. Tampouco se recoñece que o aumento do gasto armamentístico na UE o que sí está converténdose é nun novo "Eldorado" para as grandes multinacionais do sector. A coartada para convencer os cidadáns adoita ser sempre a mesma simpleza: o emprego.

Este razoamento é reducionista porque pecha a porta a políticas industriais alternativas. Como se determinadas zonas xeográficas só puidesen sobrevivir ligadas á industria militar. Como se non existisen outras formas de crear riqueza e actividade económica. Máis que unha defensa dun modelo, revela ás veces unha falta de ambición política para abrir o debate.

Levado ao extremo, ese argumento produce situacións absurdas: Imaxinemos que se recuperasen as loitas de gladiadores. Probablemente crearían emprego, atraerían turismo, moverían investimento e xerarían espectáculo. Pero, convertería esa actividade en algo aceptable?. Evidentemente non. A utilidade económica non resolve por si soa o debate ético.

E non estamos tan lonxe: o éxito actual das artes marciais mixtas amosa ata que punto seguimos convertendo a violencia en espectáculo, que nos recorda por veces a Roma clásica.

A Miguel Tellado eu faríalle esta pregunta: para que servíu a guerra de Irán? O gasto deste conflito alcanzou só nos EEUU os 2.000 millóns de dólares diarios. Calcúlase o custo total nun billón de dólares. Para entendelo en perspectiva: o equivalente a máis de dez anos de sistema sanitario español universal e gratuíto consumidos en apenas 39 días.

Para qué? Para matar centos de rapaces e rapazas para os que a vida rematou demasiado cedo. E, ao mesmo tempo, para engordar os petos de accionistas que xa eran multimillonarios dentro da industria armamentística. Iso si, sempre coa coartada do "emprego" ou da "liberdade". Por iso a pregunta non debería ser só cantos empregos crea unha actividade, senón tamén que modelo de sociedade constrúe.

Na política actual tamén cabe preguntarse onde se forman os referentes dos partidos e ata que punto existe marxe para pensar máis alá dos intereses económicos dominantes. Quizais o desafío sexa precisamente ese: recuperar unha política capaz de propoñer horizontes máis amplos, e tamén que a cidadanía deixe de aceptar que o emprego só pode chegar a canonazos. Porque o problema non é só vivir do emprego. É decidir de que queremos vivir.