De súpeto murcharon as flores en sinal de respecto a unha muller que decidiu irse co ano vello sen agardar polo novo; foise cando nos nosos montes os acivros adornanse con boliñas vermellas polo Nadal.
María Blanco Gómez, a Ita, como a coñeciamos moitos, aínda que tiña moitos netos e netas e tamén bisnetos e bisnetas, para todos e todas os que a coñecían era a nosa avoa, era das mulleres como Rosalía de Castro que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar, nai coraxe das boas e xenerosas.
Foi unha das derradeiras lavandeiras que ían lavar a roupa ao río dos Gafos no tempo do xabrón Lagarto; nos días de choiva tiñan que garecerse na ponte Boleira cos xeonllos roxos e doentes e sabañóns nas mans, e co bo tempo poñer as sabas a clarexar nos praderíos nas beiras do Gafos.
Mágoa que non puidese ver o seu querido río da infancia de mel e flores destapado como quería. Todo o mundo a quería.
Lembro nestas datas facer un paquete de agasallos para os máis necesitados, dos que nada teñen e só piden quentura e pan.
No tempo da pandemia tiraba migallas de pan pola fiestra para que os paxariños e pombas non morreran de fame.
Agora ficamos tristes sen o faro que nos alumeaba o camiño: apagouse o facho que nos procuraba quentura e guiaba nos vieiros da vida.
Cando a soterramos apareceron no ceo unha bandada de paxariños, voaban ao redor buscando a mornura das mans daquela muller que lles daba miguiñas de pan que sempre levaba no mandil ou no bolso onde collía toda a ternura do mundo.
Agora, como dicía o poeta... COMO IMOS VIVIR MAÑÁ SEN A LUZ SÚA? Que a terra che sexa leve, Ita. Sempre estarás na nosa memoria. Agora no ceo escintila unha nova estrela.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.