Milleiros de cabichas van parar ao mar. Por un Bueu sen cabichas!

Comunicado conxunto da Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía e a Asociación micolóxico naturalista de Bueu Liboreiro

É incríbel que nun pobo mariñeiro como Bueu, vaias por onde vaias, atopes centos de cabichas: á porta de bares e locais comerciais, nas beirarrúas, nos paseos e espazos públicos e praias Estas cabichas acaban inevitablemente no mar, o cal contaminan e, finalmente, regresan a nós a través da cadea alimentaria. 

Depositar unha cabicha de forma responsable pode mellorar moito esta situación. Existen papeleiras con cinceiros incorporados e mesmo cinceiros específicos, como os habilitados polo concello en distintos puntos do municipio (na entrada do concello, no Centro Social ou na Praza de Abastos). Ademais, existen múltiples modelos de cinceiros de peto, que son unha solución práctica e sinxela para calquera persoa fumadora.

Resulta especialmente incomprensible que nas zonas de terrazas dos locais de hostalería haxa máis cabichas no chan que nos propios cinceiros -ou mesmo nas tradicionais cunchas de vieira empregadas como tal- colocados nas mesas. Solicitamos dende aquí, a tódalas persoas fumadoras, que por favor sexan respectuosas co medio que nos rodea e non tiren as cabichas ao chan.

Aínda hai moita xente que enterra as cabichas na praia como se estas foran a desaparecer por arte de maxia, pero ocorre todo o contrario, coas mareas estas pasan o mar podendo contaminar ata 50 litros de agua cada unha, Conteñen alcatrán, nicotina, hidrocarburos e metais pesados que contaminan e poden ser prexudiciais para a vida acuática.

Tamén existen estudos que demostran que moitas aves empregan estes residuos para recubrir os seus niños, porque reducen a presenza de parasitos. Porén, esta práctica ten consecuencias negativas: as crías poden inxerir nicotina e outras substancias tóxicas presentes nos filtros, como alcatrán ou metais pesados. Pola contra, nos ecosistemas do interior, as aves empregan plantas aromáticas para este fin, mostrando así a grande problemática que supón a contaminación por cabichas no litoral.

Recordar que en Bueu hai un Parque Nacional Marítimo-Terrestre e zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que o noso entorno natural é de grande valor e por iso pregamos a veciñas e persoas visitantes que actúen con responsabilidade e depositen as cabichas nos lugares habilitados ou no seu propio cinceiro de peto, para que a sua pegada no entorno non deixe sustancias contaminantes no camiño. 

Queremos tamén felicitar ao alumnado club de ciencias do IES Johan Carballeira que a raíz da análise que o propio alumnado do centro realizou cos residuos atopados nas praias e areais decidiron unirse a campaña mundial "O mar empeza aquí", realizando unha pintada simbólica en determinados sumidoiros da vila.

 

Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía e a Asociación micolóxico naturalista de Bueu Liboreiro.