Aquí estou, ergueito no atrio, calado e nostálxico. Fun testemuña de tantas festas, de tantas noites de música e alegría, de tantos veciños que unían as súas mans para darme vida. Antes, cada ano, as festas da parroquia comezaban comigo. Eu nacía das táboas, dos puntais, dos cravos, dos esforzos daqueles homes que deixaban o seu traballo diario para erguerme.
Aquí estou, no mesmo lugar de sempre, pero agora en silencio. Fun testemuña de risas, bailes e músicas que enchían as noites de festa, orgulloso de soster os soños e as alegrías de toda a parroquia. Durante anos, sentín as mans daqueles veciños que, con esforzo e dedicación, me erguían táboa a táboa, sen máis recompensa que ver a súa xente desfrutar.
Moitos deles xa marcharon, e con eles parece que tamén se foron aquelas verbenas que me daban vida. Agora, só quedan os recordos gravados dos máis maiores o eco das cancións que un día fixeron vibrar este chan. Pero sigo aquí, esperando, coa esperanza de que algunha noite volvan os vellos tempos, e que de novo alguén me use de novo para que a festa continúe.
A todos aqueles que me construíron unha e outra vez, grazas. Sen vós, eu fun máis, primeiro de madeira e cravos, despois de cemento: fun o corazón da festa.
Recordo os primeiros tempos, cando os veciños ían ao monte buscar madeira e codeso, cando o electricista chegaba cun feixe de cables e bombillas de cores, e a noite da parroquia enchíase de luz e maxia. Lembro tamén aquel temporal que me levou voando ata a casa do Raposo, coma se a propia festa non quixese rematar e quixese levarme con ela.
Os palcos das parroquias éramos máis ca un escenario: éramos un símbolo de unión, de traballo conxunto, de ilusión. No meu caso, supoño que nas outras parroquias tamén, recordo que primeiro erguíanme con esforzo para logo desmontarme cando a última nota da orquestra se perdía na madrugada. Anos despois, fixéronme de obra, coma se quixesen que fose eterno, pero o mundo cambiou máis rápido ca min. Agora, son os tráileres enormes os que traen os seus propios escenarios, chegan, abren as súas paredes e, coma por arte de maxia, a música soa sen que ninguén teña que mover un só cravo.
E eu? Eu quedo aquí, vendo pasar os anos. Xa non hai nenos correndo con lambetadas na man, nin parellas bailando ata que os pés non poden máis, nin aquel partido de solteiros contra casados que facía rir a todo o pobo, ou aquel home que andaba con un martelo é uns cravos, berrando por toda a festa “Está noche a clavaaaarrr”. As festas convertéronse en espectáculos, pero onde está o baile, onde está o espírito da parroquia?
A memoria das festas está chea de historias que merecen ser contadas, como aquel ano no que Emilio Calvete, Manuel Sertal e Juan, o dono da Taberna da Rons tomaron a responsabilidade de organizar a festa cando ninguén máis quería. Ou cando o señor Albino puxo todo o seu empeño en que a verbena saíse perfecta, contratando a Montecarlo e convencendo a Moncho O Laparuzas para que deixase o seu toldo do seu camión para cubrir o palco. As festas eran algo máis ca un evento: eran o latexo da parroquia, o momento no que todos, novos e vellos, se xuntaban para celebrar, rir e compartir.
E agora que? Agora vexo como os que antes me erguían en equipo xa non están connosco ou se fixeron maiores e a xuventude non parece disposta a tomar o relevo. Quizais porque xa non sentiron na pel a emoción de montar a festa, de participar nela non só como espectadores, senón como protagonistas. Quizais porque, sen saberlo, están deixando que as nosas tradicións esmorezan pouco a pouco.
Mais eu sigo aquí, esperando. Oxalá un día alguén volva mirar para min con ilusión. Oxalá a parroquia esperte e decida que a festa non pode morrer, que non é só unha misa ou unha alborada de gaiteiros. Que volvan os postos de rosquillas e xoguetes, que volvan os viños compartidos baixo as luces de cores, que volva o son dos petardos dos cativos.
Porque unha festa non é unha festa se non hai quen a viva. E eu, o vello palco, aínda estou aquí, desexando que volvan bailar diante de min.
NOTA:
PROXECTO PALCOS: Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega
O Proxecto Palcos é unha iniciativa de investigación que busca mapear, catalogar e documentar os palcos da música que se construíron en Galicia entre os anos 1970 e 2000, recollendo tamén as historias, memorias e relatos vencellados a estes espazos tan característicos da vida comunitaria e festiva.
Trátase dunha proposta financiada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e dirixida polo antropólogo e etnomusicólogo Iñigo Sánchez Fuarros, quen coordina un equipo multidisciplinar formado por especialistas en antropoloxía, arqueoloxía, xeografía, estudos culturais, arte sonora e arquitectura.
O proxecto desenvolveuse cun forte carácter participativo, grazas á colaboración cidadá, a organización de obradoiros con asociacións veciñais e centros de ensino, e a creación dun mapa en liña que recolle xa preto de douscentos palcos xeolocalizados, con imaxes e información sobre as festas que neles se celebraban. Nel clasifícanse os palcos en catro categorías:
Os que mantén o seu uso orixinal. Os que foron reapropiados con novos fins (locais sociais, almacéns, espazos de xogo ou puntos de encontro). Os que permanecen en pé pero sen uso determinado. Aqueles dos que só fica a lembranza.
Entre os exemplos singulares destaca o de Xullán (Bóveda), onde se conserva un cartel que rezaba “No se cede la pareja”, unha advertencia para evitar disputas nos bailes.
A Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns amosou un vivo interese neste proxecto e xa participou nalgunha das xuntanzas de traballo, contribuíndo con achegas que axudan a poñer en valor a memoria e a función social destes espazos.