Unha boa nova, a recuperación dos memoriais Xosé Filgueira Valverde

22 de xullo 2026

Xermán Torres escribe sobre Xosé Filgueira Valverde, figura clave da cultura galega do século XX, e destaca a necesidade de honrar o seu legado intelectual mediante memoriais

Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un sabio de Pontevedra
Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un sabio de PontevedraXermán Torres

Pontevedra tivo a fortuna de ter un fillo predilecto como foi Xosé Filgueira Valverde, un activo histórico e cultural da cidade, un dos grandes personaxes de Galicia no século XX, durante a que transcorre súa xenerosa vida e se desenvolve a súa magna obra, Filgueira foi "un obreiro da causa galega". E un dos grandes amores de don Xosé foi a súa querida cidade natal que nunca quixo abandonar.

Filgueira Valverde recibiu unha sólida formación, aquí en Pontevedra, na súa cidade, á que dedica a súa vida e gran parte da súa obra histórica e erudita. Primeiro no seo da súa familia: "Meus primeiros e mellores mestres foron meus pais". A cidade de Pontevedra educa a Filgueira, as "tertulias" e visitas daqueles tempos, os personaxes importantes que viven en Pontevedra, o seu instituto, e neste o seu querido profesor e escollido como "titor" e como "guieiro"; non podía ser outro que Antón Losada Diéguez (1884-1929), un home imprescindible e necesario na historia e na cultura de Galicia do século XX, el foi o líder da importantísima e crucial Xeración Nós. A Xeración de Filgueira Valverde, os mozos do grupo do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) son considerados os epígonos dos seus maiores do grupo Nós. Pontevedra, a Atenas galega nas décadas dos 20 e 30 do pasado século XX, vai configurando a personalidade do mozo Filgueira Valverde e contribuíndo ao seu grande bagaxe formativo, cultural , científico, el posúe un dos mellores expedientes académicos do Instituto de Pontevedra e da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela naqueles tempos. O erudito Filgueira Valverde fráguase na súa cidade natal, a privilexiada cidade de Pontevedra.

Filgueira Valverde entregará con creces toda esa vasta cultura que foi adquirindo ao longo do tempo ao servizo da súa cidade natal. Na súa segunda etapa aquí, como catedrático de "Lengua y Literatura española" (1939-1976) converteu o seu instituto nun referente nacional e mesmo a nivel internacional. Logo unha vez xubilado da docencia oficial, seguiu activo para aportar a súa sabedoría a Pontevedra e a Galicia. Sendo, pois, un dos homes máis importantes da historia de Pontevedra e de Galicia do século XX.

Por todo iso e aínda máis, pareceume incomprensible e inxusto a paralización dos Memoriais para honrar e lembrar a un dos homes máis notables e honorables da historia de Pontevedra.

Congratúlome pola recuperación destes Memoriais. Filgueira Valverde aínda é un intelectual paradigmático e que moito nos pode ensinar.

"Sempre aprendo" (Xosé Filgueira Valverde, Pontevedra, 1906-1996).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora