A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra expresa o seu máis fondo pesar polo falecemento de Agustín Bertomeu Salazar, director musical da entidade entre os anos 1968 e 1977, unha etapa especialmente significativa na historia da institución.
Durante os seus nove anos á fronte da Coral, Bertomeu desenvolveu un intenso labor artístico e musical, coincidindo coa celebración das Vodas de Ouro da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, en 1975. Baixo a súa dirección, a agrupación protagonizou numerosos concertos e actividades culturais, incorporando tamén conferencias divulgativas arredor da historia da música, da música tradicional galega e da propia traxectoria da Polifónica, contribuíndo a reforzar o seu prestixio como referente da cultura galega.
Ademais do seu labor como director, Agustín Bertomeu deixou unha importante pegada como compositor e harmonizador. Entre as obras que legou á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra destacan La estrella del pastor, dedicada ao secretario Leopoldo Centeno Sanmartín; Tres cantigas de Pontevedra e os romances Aquel que saleu agora, Sal a ventana María, Ábreme a portiña e Estando cosendo, algunhas delas aínda presentes no repertorio da Coral e interpretadas ao longo das últimas décadas.
A vinculación afectiva de Agustín Bertomeu coa Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra mantívose mesmo despois de rematar a súa etapa como director. No ano 2001, durante un concerto da Coral en Pozuelo de Alarcón, foi homenaxeado coa interpretación do seu romance Ábreme a portiña, nun emotivo reencontro coa agrupación, da que gardaba un profundo recordo e da que destacou os logros acadados ao longo da súa historia.
A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra quere expresar o seu agradecemento pola dedicación, o compromiso e o legado musical que Agustín Bertomeu Salazar deixou na nosa institución, formando parte para sempre da súa historia.
A toda a súa familia, amizades e persoas achegadas trasladámoslles o noso máis sincero pésame e todo o noso agarimo nestes momentos de dor.
Descanse en paz.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.