Chegou Decembro. Xa se gardaron no caixón as pancartas do 25N, de feito, quen se lembra xa do 25N?
Tamén as do Día da Saúde Mental, que en Decembro está prohibido deprimirse e máis aínda suicidarse.
Tampouco preocupan xa as persoas ou familias vulnerables, polo motivo que sexa, as que se utiliza para facer campaña o resto do ano cando interesa, pero que agora non encaixan neste ambiente consumista e cheo de ledicia, polo que é mellor gardalos coas pancartas ata Xaneiro, a partir do día 7, por suposto. Nin un só minuto antes.
Agora o que toca é agarrar o móbil, se é que chegamos a soltalo nalgún momento, "informar" de que nos fomos de ponte, canto máis lonxe mellor, que se saiba, por suposto, xa que do contrario, que sentido tería desfrutar sen máis, sen que todo o mundo se entere? Pois vaia cousa!, deixar constancia do moito que imos gastar aproveitando estes días de lecer, xa de cara a un Nadal no que todos nos imos querer moito, e que, asimismo, imos aproveitar estes días para decorar as nosas casas de tal xeito que o mesmísimo Dickens nos tería envexa.
Pero, mal que nos pese, temos a outra cara da moeda, por moito que a ignoremos.
Para moitas persoas, para moitas familias, coa chegada do mes de Decembro, o lume do inferno que xa están a vivir, non fai senón avivarse, e non sen motivos.
No caso das vítimas de violencia de xénero, porque son conscientes da súa desprotección, e porén, en consecuencia, tamén da dos seus fillos e fillas aínda maior que o resto do ano, no que xa é algo máis que cuestionable.
Por se isto non abondara, a inmensa maioría delas teñen que facer fronte á súa falta de recursos económicos, xa que, mesmo os produtos básicos que mercan xa o resto do ano con enorme sacrificio, teñen, nestas datas, un prezo moito máis elevado, porque o negocio é o negocio, polo que, mentres hai quen se afana por amosar nas redes ata o derradeiro pelo das gambas que degustou, os langostinos, e as luxosas mesas dispostas coma as das "pastelosas" películas de sábado á tarde, elas están a contar ata o último céntimo que atopan nos seus case sempre baleiros petos para mercar unha barra de pan ou un cartón de leite.
E xa non falemos dos agasallos, principalmente no caso das que teñen nenos pequenos, como é lóxico, que, como nenos que son, piden e piden, como o resto dos seus compañeiros e compañeiras, porque, ao fin e ao cabo, a mamá non lle custa nada, xa que os vai traer Papá Noel, o Apalpador, ou os Reis... ou os tres!
E, se non é así, ademais da tristura, da frustración, vén a pregunta: "E que fun malo/a?"
A que nai non se lle rompería o corazón?
Como tamén se lles rompe cando se ven obrigadas a deixar marchar aos nenos co proxenitor que tal vez as maltratou salvaxemente, porque a xustiza así o decidiu, e, de non permitilo, as castigadas serán elas. O pánico, a soidade, van facer insoportables estes días.
Todo isto é aplicable, por suposto, ao resto de persoas ou familias en situación de extrema vulnerabilidade, que son moitas máis das que se poida pensar, que este ano, ademais, agardan o remate deste mes con auténtico terror, xa que se, finalmente, decae o escudo social que as protexe mínimamente, os desafiuzamentos e os cortes das subministracións máis básicas, como luz e gas, se van suceder.
Como para poñerse a cantar panxoliñas!
E, aínda por riba, tendo que aturar, en moitos casos, que os chamen amargados se non se unen a ese estado de "felicidade colectiva".
Por outra banda, temos as persoas, tamén moi numerosas, con problemas de depresión ou ansiedade, que, lonxe de compartir ese estado de alegría colectiva, en moitos casos ficticia, pero claro, iso non o saben, senten aumentar a súa tristura, a súa desesperación, e, mesmo a súa culpabilidade, que lles poden facer chegar a sentir por non ser quen de finxir ser moi felices, como semella ser obrigado, e non son capaces de simular alegría, polo que se retraen cada vez máis, porque, reitero, non son entendidas, e iso as estigmatiza, o que as leva a buscar a soidade, o illamento.
Un letal caldo de cultivo para os pensamentos suicidas que moitos agochan, pero que tal vez están a sentir desde hai moito tempo.
Algúns non dirán nada. Esforzaranse en aparentar unha normalidade que non senten, malia que estean rotos por dentro, pero hai quen si manda mensaxes coa súa actitude máis moi poucas veces son entendidos, ou se queren entender. Decembro non é mes para esas lerias de angustias ou penurias!
Que ninguén me interprete mal. Non se trata de demonizar a quen é feliz, a quen realmente desfruta destas datas compartidas cunha familia unida, a quen se pode permitir o luxo de mercar, gastar, viaxar... claro que non! Pero todos podemos poñer o noso graniño de area para que estas datas sexan un pouco menos duras para aqueles e aquelas máis desfavorecidos.
Como? Pois moi sinxelo. Non é tan difícil vivir esa felicidade sen ter que alardear constantemente dela ou publicar compulsivamente en redes sociais cada movemento, cada compra, cada banquete.
Acaso non abonda con desfrutalo, sen máis? Porque quen non o sente así, igual tamén ten un problema que non quere recoñecer.
Non acusemos así, sen máis, de amargado a ese familiar, amigo, ou o que sexa, que non comparte o noso entusiasmo por estas festas. Tentemos achegarnos a el ou a ela, de que se sinta un pouco menos só, de interesarnos polo que lle pasa, e escoitalo se nolo conta ou respectar o seu silencio se decide non facelo, pero facéndolle saber que estamos aí se o precisa, para darlle o noso apoio.
Non é tan difícil, non si?
E, quen sabe?, tal vez mañá sexas ti quen necesite ese apoio, por moi imposible que che poida parecer agora.
As voltas que dá a vida son impredecibles.
Asociación Si, hai saída