'Diario do paraíso' é o debut como novelista de Marta Dahlgren. Sueca de orixe, con nacionalidade española desde 1964, dedicou boa parte da súa vida profesional á docencia e á tradución.
A autora sinala que se trata dunha ficción aínda que estea inspirada na biografía dunha parella que decidiu asentarse no Pazo do Cadro de San Tomé de Piñeiro, en Marín. A xornalista sueca Christina Lilliestierna e o seu marido Jean Novial.
O relato discorre en voz de Iria que 'ten dezaseis anos cando comeza a traballar nun pazo decadente e inabarcable, como criada para todo. Ela e o seu irmán, que é o xardineiro, traballan duro para que os misteriosos dona Ana e don Juan poidan sobrevivir".
Escrita en galego, é "o diario da relación entre todos eles, un diario dun paraíso. Pero os paraísos terreais non duran para sempre".
Dahlgren toma distancia para escribir esta novela contemporánea na que emprazamento e protagonistas non foron alleos á súa propia vida. Para descubrilo, convidamos a escoitar o podcast que PontevedraViva Radio dedicou a Lilliestierna e o Pazo do Cadro.