1,5 millóns de euros irán destinados á segunda fase de mellora da estrada de Seixido, na Lama

A Lama
03 de xuño 2019

A Xunta de Galicia publica este luns no DOG o expediente de información deste proxecto. Esta nova fase permitirá continuar coa reforma da PO-235, completando o ensanche entre Antas e a parroquia de Seixido

Visita á estrada PO-235, entre Antas e Seixido Xunta de Galicia

A consellería de  Infraestruturas e Mobilidade publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e o proxecto de execución da segunda fase de mellora da estrada de Seixido, a PO-235, no Concello da Lama.

O investimento previsto para este proxecto conta cun investimento de 1,5 millóns de euros. Esta actuación permitirá que continúen os traballos da vía autonómica,  complentando o ensanche da estrada desde Antas ata a parroquia Seixido. A primeira fase desta reforma finalizaba en outubro de 2018 e estendíase nun espazo dun quilómetro.

O proxecto da segunda fase contempla a intervención en dous subtramos da vía autonómica. Trátase de cinco quilómetros nos que se corrixirán varias curvas e ampliarase a plataforma da estrada ata os 6,5 metros, ademais de acometer outras melloras ao longo dos próximos meses neste tramo.