10N: Os colexios electorais de Pontevedra abren con normalidade e sen incidentes

Pontevedra
10 de novembro 2019

Un total de 772.766 pontevedreses poderán exercer o seu dereito ao voto nas 1.333 mesas e os 676 colexios electorais repartidos por toda a provincia. Todas elas foron constituídas á hora prevista, as oito da mañá, con total normalidade e segundo trasladan as autoridades non se rexistraron incidentes

Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 28A Mónica Patxot

Os pontevedreses estamos chamados ás urnas este domingo, por segunda vez en apenas seis meses, para elixir os sete deputados e catro senadores que nos representarán no Congreso e no Senado durante a próxima lexislatura, a décimo cuarta da democracia.

Facémolo, do mesmo xeito que o resto dos españois, coa esperanza de saír da situación de bloqueo político que impediu a formación dun novo goberno e, por tanto, obrigou á repetición das eleccións xerais celebradas o pasado mes de abril. 

Un total de 772.766 cidadáns de Pontevedra poderán exercer o seu dereito ao voto este 10 de novembro nas 1.333 mesas e os 676 colexios electorais repartidos por toda a provincia.

No caso da  Boa Vila o censo está composto por 66.807 persoas, repartidas nas 106 mesas electorais que haberá na cidade.

Todas elas foron constituídas á hora prevista, as oito da mañá, con total normalidade e segundo trasladan as autoridades non se rexistraron incidentes.

As urnas estarán abertas, como é habitual, ata as oito da tarde.

Nas eleccións do pasado mes de abril, a participación na provincia de Pontevedra superou os datos dos anteriores comicios e alcanzou un 75,1%.

Máis de 2.300 axentes  dos corpos e forzas de seguridade do Estado velarán polo desenvolvemento das eleccións. En concreto, trátase de 1.133 axentes da garda Civil, 787 axentes da Policía Nacional e outros catrocentos das distintas policías locais.

Ademais, 737 representantes da administración serán os encargados de transmitir a través de equipos informáticos dos resultados das eleccións unha vez que pechen as urnas ás oito da tarde. Estes funcionarios son tamén os encargados de remitir os datos de incidencias e de número de votantes ás doce e ás seis da tarde.