11-D, data escollida polos socialistas para as primarias en Pontevedra

Pontevedra
16 de outubro 2022

O calendario para a celebración das primarias nas que se decidirá quen é o candidato á alcaldía de Pontevedra aprobábase na asamblea do PSOE local este venres na Residencia de Estudantes. As precandidaturas deberán presentarse entre o 21 e o 22 de novembro e a recollida de avais está marcada entre o 23 e o 29 de novembro. O 11 de decembro será o día das votacións en primeira volta

Tino Fernández e Iván Puentes van enfrontarse nas primarias socialistas locais
Tino Fernández e Iván Puentes van enfrontarse nas primarias socialistas locais / Concello de Pontevedra

A última asemblea local do PSdeG-PSOE de Pontevedra permitiu coñecer as datas de calendario que se manexan para as primarias previstas na agrupación. A data escollida é o domingo 11 de decembro para que a militancia socialista vote ao seu candidato á alcaldía de Pontevedra.

As precandidaturas deberanse presentar entre o 21 e o 22 de novembro, día en que se proclamarán xa as precandidaturas de maneira oficial. A partir do día 23 de novembro comezará a recollida e presentación de avais ata o 29 de novembro ás 12.00 horas, data en que finaliza este período.

A proclamación, unha vez revisados os avais, de precandidaturas está prevista para o 30 de novembro. Entre o 1 e o 10 de decembro está previsto o desenvolvemento da campaña de información. 

O 11 de decembro realizarase a votación que, atendendo aos resultados, permitirá unha proclamación provisional a última hora da xornada para pasar a ser definitiva o 15 de decembro. En caso de ser necesaria unha segunda volta vai levarse a cabo o 18 de decembro e o 22 dese mesmo mes proclamaríase ao candidato socialista á alcaldía.

A disputa ata o momento prevese entre dous dos integrantes da corporación pontevedresa: o portavoz do grupo, actual tenente de alcalde e candidato socialista á alcaldía en 2015 e 2019, Tino Fernández; que se enfrontará ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, actual secretario da organización local, que xa anunciou tamén a presentación da súa candidatura a estas primarias.