Tino Fernández renuncia ás primarias acusando o PSOE local de falta de neutralidade

Pontevedra
09 de decembro 2022

Non haberá primarias no PSOE pontevedrés. Un dos dous candidatos, o actual portavoz municipal Tino Fernández, anunciou este venres que retira a súa candidatura. Faino entre duras críticas á executiva municipal do partido, á que acusa de favorecer ao seu rival

Tino Fernández
Tino Fernández / Mónica Patxot

Non haberá primarias no PSOE pontevedrés. Un dos dous candidatos, o actual portavoz municipal Tino Fernández, anunciou este venres que retira a súa candidatura. Faino entre duras críticas á executiva municipal do partido, á que acusa de favorecer o seu rival.

A pesar de que, segundo Fernández, "estamos convencidos de dispoñer da maioría suficiente para gañar", el e o seu equipo entenden que "lamentablemente non se dan as circunstancias necesarias para poder expor un proxecto solvente" para os próximos anos.

O dirixente socialista asegura que isto sucede ante o "claro posicionamento" da executiva municipal do PSOE cara ao outro candidato, o edil Iván Puentes, "ao que lle veñen dando cobertura política e apoio desde o primeiro momento, esquecendo a súa obrigación de neutralidade".

"Esta situación agravouse nas últimas semanas ata facer inviable a posibilidade de convivencia con outro candidato que non sexa o seu patrocinado", denuncia Tino Fernández.

Fernández lembra que o partido "xa temos experiencia" acerca de discrepancias entre o candidato elixido polos militantes e a opción do aparato do partido, provocando unha crise no seo da formación socialista "que nos levou a resultados desastrosos".

Tras defender que "non teño ningún interese en facer un Borrell", o portavoz socialista asegura que "polo ben do partido, aínda que discrepando nas formas e en boa parte do fondo, prefiro dar un paso atrás" e retirar a súa candidatura.  

A partir do domingo, subliña Tino Fernández, o PSOE terá un candidato ás eleccións municipais de 2023 "ao que lle desexo o mellor".

El, á vez que agradece o apoio e o agarimo recibido por numerosos militantes, seguirá traballando polo partido desde o seu posto actual como portavoz municipal e concelleiro "cumprindo co mandato que os cidadáns expresaron nas urnas no seu momento".

IVÁN PUENTES AGRADECE A RETIRADA

Respecto desta decisión, o outro candidato a estas primarias, Iván Puentes, agradeceu o "xesto" que tivo o seu compañeiro "permitindo que a miña candidatura poida ser xa proclamada e podamos empezar a traballar nas eleccións verdadeiramente importantes".

"Podemos discrepar nas nosas visións de futuro e no papel que debemos ter na cidade, pero deu o máximo de si para que o PSOE estivese convenientemente representado en momentos que non eran fáciles para o partido", engadiu.

Con este proceso terminado, apuntou Puentes, os socialistas deben iniciar o traballo para "preparar o mellor equipo e a mellor proposta entre todos" para convencer á cidadanía e tentar liderar o próximo goberno municipal.

Iván Puentes afirma que entre os cidadáns hai unha "vontade maioritaria de cambio" que, ao seu xuízo, "só pode encabezar o PSOE" e que supoñería iniciar un novo tempo político "sen renunciar a todo o bo que se fixo".

"A iso dedicaremos todos os nosos esforzos sen perder nin un minuto", sinalou Puentes, que aposta porque Pontevedra reciba un "impulso de modernidade e actividade" que permita atraer investimentos, asentar novas empresas ou reforzar as políticas de protección social.