Iván Puentes asume a súa candidatura á alcaldía diante da Executiva Municipal da Agrupación Socialista

Pontevedra
10 de decembro 2022

A Executiva municipal do PSOE a través da secretaria xeral Maica Larriba amosou o seu apoio ao candidato, unha vez que se suspendeu o proceso de Primarias, tras a decisión de Tino Fernández de retirarse da elección do cabeza de candidatura do PSdeG-PSOE nas vindeiras municipais. Iván Puentes agradeceu este xesto e aposta por formar un equipo que encabece un novo goberno en Pontevedra

Integrantes da Executiva Municipal da Agrupación Socialista de Pontevedra con Iván Puentes
Integrantes da Executiva Municipal da Agrupación Socialista de Pontevedra con Iván Puentes / Agrupación Socialista de Pontevedra

Sen xornada de votación quedou a militancia socialista de Pontevedra para este domingo cando estaba previsto o proceso de Primarias para decidir quen sería a cabeza de candidatura. Tino Fernández decidiu retirar a súa candidatura e, por tanto, na tarde deste venres, a Executiva Municipal da Agrupación Socialista proclamaba a Iván Puentes como candidato do PSdeG-PSOE ás próximas eleccións municipais, á espera da ratificación no Comité Federal.

Maica Larriba, secretaria xeral da Executiva, manifestaba que se abre un período de apoio ao candidato para facer "un proxecto que ilusione á cidadanía de Pontevedra" e mostrou o respaldo de toda a agrupación. "Queremos un proxecto ilusionante, centrado nos valores históricos do PSOE", afirmou Larriba sinalando que a intención é xerar unha cidade máis igualitaria, xusta, sostible e que aposte pola calidade de vida da cidadanía.

Pola súa banda, Iván Puentes Rivera dirixiu as súas primeiras palabras a Tino Fernández agradecendo todo o traballo que está a desenvolver no Concello de Pontevedra como concelleiro de Deportes e como portavoz municipal da agrupación socialista. Fixo mención ao esforzo realizado por Fernández na corporación durante os últimos doce anos "en tempos non fáciles desde o punto de vista electoral". Agradeceu tamén o xesto de retirarse asumindo que había unha maioría que entendía que era necesario un cambio.

De fcara ao futuro, prognosticou que xa non haberá debate interno nin dúas sensibilidades e que se expón un obxectivo común: "chegar ao 28 de maio en disposición de liderar o próximo goberno municipal de Pontevedra". Afirmou que as enquisas ofrecen un BNG á baixa e un PSOE en alza mentres que o PP atópase estacando "sen posibilidade de lograr a alcaldía". 

A súa proposta, expuxo, céntrase en manter as cousas boas desenvolvidas durante os gobernos do BNG pero pensando que "quedan cousas por facer". Quere que Pontevedra se manteña activa económica e socialmente co asentamento de empresas baseadas na economía verde, permitindo que se converta nunha cidade onde "traballar e residir", con política cultural activa e manténdose como referente social seguindo o "novo modelo económico europeo".