12.500 pontevedreses participan nos programas municipais de compostaxe

Pontevedra
09 de outubro 2020

Pontevedra produciu este ano máis de 2.000 toneladas de compost e os envíos de residuos a Sogama reducíronse en 1.200 toneladas en comparación cos nove primeiros meses do 2019

O Concello de Pontevedra informa na Peregrina sobre o programa de compostaxe municipal
O Concello de Pontevedra informa na Peregrina sobre o programa de compostaxe municipal / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra ten instalada unha carpa na praza da Peregrina para informar os veciños sobre o Plan Composta, un programa de tratamento de residuos no que participan xa 12.500 pontevedreses do centro urbano e do rural. O concelleiro responsable do departamento de Residuos, Raimundo González, detallou este venres os niveis de participación en cada unha das modalidades do plan. "A compostaxe en Pontevedra vai a velocidade de cruceiro", asegurou.

O programa consta de tres partes. Por unha banda está a compostaxe individual que se está implantando nas parroquias do rural e do que se benefician actualmente unhas 7.000 persoas. Neste ámbito, o obxectivo do Concello é levar o programa ás sete parroquias que aínda faltan antes de final de ano. "Queremos retomalo, agora está parado pola covid porque non podemos facer visitas", explicou o edil. Esta modalidade consiste en instalar composteiros individuais nas hortas dos participantes, pero antes os técnicos percorren as parroquias para informar e formar aos interesados sobre como é o proceso.

As sete parroquias que aínda non o teñen implantado son Cerponzóns, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido, Ponte Sampaio, Lourizán e A Canicouva.

Doutra banda, na compostaxe comunitaria participan xa ao redor de 2.000 pontevedreses e o Concello está decidido a ampliar en oito centros de compostaxe adicionais a rede de 25 composteiros instalados xa en diferentes barrios do centro urbano pontevedrés. " Imos reforzar Campolongo e queremos instalar tamén outro no barrio do Burgo, estamos a buscar unha parcela axeitada", avanzou González.

O terceiro alicerce deste programa de xestión de residuos é o Plan Composta consistente na instalación dunha rede de contedores marróns nos que os veciños, previa inscrición e formación, poderán depositar o seu lixo orgánico. "Este aínda está a empezar", recoñeceu o concelleiro despois de revelar que xa contan con 1.400 fogares adheridos, o que supón unhas 3.500 persoas que despositan os seus residuos orgánicos nestes contedores que logo son trasladados a unha planta de compostaxe.

As consecuencias desta práctica xa se está facendo notar nos volumes de lixo enviados á planta de Sogama. En total produciuse no que vai de ano máis de 2.000 toneladas de compost, mentres que os envíos a Sogama nos nove primeiros meses do ano caeron en 1.200 toneladas con respecto ao 2019.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora