12 locais participan na quinta edición do 'Tapalacón' de Cuntis

Umia
20 de febreiro 2014

O evento, que se celebra de venres a domingo, antecede á XVII Festa do Lacón con Grelos. As tapas serviranse gratis con cada consumición

A xeito de quecemento para o entroido e tamén para a XVII edición da Festa do Lacón con Grelos, Cuntis organiza este fin de semana, dende o venres 21 ata o domingo 23 de febreiro, o quinto 'Tapalacón'.

Un total de 12 locais de hostalaría da centro urbano involúcranse nun evento no que os asistentes poderán degustar tapas elaboradas principalmente con lacón e grelos de balde con cada consumición.

Os locais participantes nesta edición son: Bar Moncho (consomé de verduras), A Tenda da Ponte (filloa de grelo agridoce), O Traspaso (tortilla de grelos e gambas), Fogar do Pensionista (pastel de grelos con chourizo), Cervexería A Bolera (ensalada de lentellas con lacón, apio e ceboliña), O Parladoiro (empanada de millo con grelos e queixo de Cuntis), 7 Camiños (tosta de queixo con lascas de lacón e revolto de pan de millo), Batifoula (doce de grelos con queixo da terra), O Paseo (bolos de pote con salsa de grelos), A Casa das Pejas (alpargata As Pejas), Chistoso (petit choux de lacón con grelos) e o mesón O Valenciano (ventos de Entroido).

Os clientes terán á súa disposición unha cartilla para votar por cada unha das propostas, unha puntuación da que sairá o premio á mellor tapa do concurso "Os Chapantes do Tapalacón".

Ademais sortearanse premios entre as persoas que colaboren coas votacións durante unhas xornadas que estarán amenizadas pola Agrupación de Gaitas de Cuntis.

Arquivado en