Todo está preparado para celebrar a chegada da primavera coa tradicional Festa dos Maios o vindeiro xoves 1 de maio.
Este ano, o Concello de Caldas destinará ata 1.400 euros en premios para incentivar a participación e manter viva unha das celebracións máis arraigadas da cultura popular galega.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anima a grupos, colexios, asociacións e calquera colectivo veciñal a sumarse á festa, percorrendo as rúas e prazas de Caldas.
"Este evento permítenos expresar a nosa creatividade e o orgullo pola nosa cultura", sinalou o concelleiro nacionalista.
Os participantes deberán presentarse na Praza das Palmeiras antes das 11:30 horas co seu maio, cubrir unha ficha de inscrición e entregar ao xurado as coplas que interpretarán.
As estruturas deben estar elaboradas con madeira e decoradas con materiais tradicionais como sacos de esparto, musgo, xestas, flores silvestres, ovos ou fiúncho.
O xurado avaliará tres categorías con premios de 200 euros cada unha: mellor maio engalanado, mellor copla e mellor interpretación. Ademais, contempla un accésit adicional de 200 euros para recoñecer algún maio destacado que non resultase premiado nas categorías principais.

Unha das novidades deste ano é que todos os colectivos participantes recibirán unha gratificación de 60 euros só por se presentar, aínda que non obteñan ningún dos premios principais.
Se participan máis de dez maios non premiados, a cantidade a repartir será de 600 euros divididos entre o número de participantes.