O 16 de novembro é o Día Internacional da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica (EPOC) e, por este motivo, o Hospital Montecelo acolleu unha actividade para concienciar sobre esta enfermidade, organizada polo servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Este trastorno pulmonar, cuarta causa de morte mundial, afecta a máis do 12% da poboación adulta en España. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 15.000 pacientes con EPOC e, aínda que non existen cifras exactas do número de persoas diagnosticadas, o servizo de Pneumoloxía do complexo hospitalario pontevedrés atende 600 novas consultas anuais de persoas con sospeita de enfermidade pulmonar obstructiva crónica.
A maioría de casos son detectados nas consultas de Atención Primaria e só os máis graves chegan aos centros hospitalarios para o seu tratamento.
O perfil habitual das persoas con esta patoloxía responde a un fumador de máis de 20 anos consumidor dun paquete de cigarros diario. Ofrece certo grao de expectoración e detecta que se fatiga moito antes do esperado. En ocasións conta con sobrepeso pero tamén se presentan casos de persoas que se atopan por baixo do seu peso normal.
A EPOC é máis frecuente en homes, pero na última década duplicouse a porcentaxe de mulleres diagnosticadas.
A mellor fórmula para evitar este trastorno "é evitar fumar e a exposición a contaminantes ou elementos irritantes no aire", afirma o xefe de sección de Pneumoloxía, Adolfo Baloira Villar, que engade que "preto do 80% das causas que provocan a EPOC débense ao tabaco, sobre todo en mulleres. Con respecto ao 20% restante podería deberse á exposición a biomasa, como por exemplo as cociñas de leña e, como en todas as enfermidades crónicas, existe certo compoñente xenético".
Os pacientes teñen como principais síntomas a presenza de forma progresiva de máis dificultade para realizar esforzos ata o punto de ter dificultade respiratoria en repouso. Chega un momento, segundo indican desde a área sanitaria, en que aparece insuficiencia respiratoria e risco de morte. Con frecuencia van presentarse agudizacións e a metade dos casos son de carácter infeccioso, con deterioración da calidade de vida e aumento do risco de mortaldade.
O tratamento consiste en primeiro lugar deixar o tabaco en caso de ser un paciente consumidor e utilízanse broncodilatadores por vía inhalatoria. Noutros tipos de EPOC empréganse corticoides que diminúen a inflamación. Tamén se poden utilziar antibióticos preventivos. Tamén se recomenda o exercicio físico con programas sinxelos. Os casos máis graves desta enfermidade requiren transplante de pulmón.
Na actualidade, a través da realización de TAC torácicos, a EPOC lógrase diagnosticar de forma precoz. Tamén se está consolidando a medicina regenerativa para restaurar pulmóns danados e, ademais, están a desenvolverse novos antiinflamatorios con menos efectos secundarios que os presentados polos corticoides.
Entre xaneiro e outubro de 2023 realizáronse 9.000 espirometrías simples e con broncodilatación no Hospital Montecelo. En persoas con máis de 34 anos, en Galicia rexístranse 65.071 pacientes con EPOC.
O 68% de pacientes desta enfermidade en Galicia atópanse entre os 65 e os 89 anos, cun total de 224.365 pacientes con problemas respiratorios relacionados co tabaco.
MÁIS DE 50 PROFESIONAIS DE ENFERMERÍA TOMAN POSESIÓN DA PRAZA
Tras a resolución do proceso de estabilización da categoría de profesionais de enfermería a través do concurso de méritos, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés 58 enfermeiras e enfermeiros tomaban posesión da praza.
Deste colectivo, 48 escolleron o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, mentres que unha decena seleccionou o Hospital Público do Salnés. Por sexo, soamente un home, escolleu destino no CHUP, dentro do grupo da área sanitaria.
Segundo o Sergas, Galicia é a primeira comunidade autónoma en resolver este tipo de procesos de estabilización. A partir desta xornada, as persoas aspirantes nomeadas dispoñerán dun mes de prazo para incorporarse ao seu posto de traballo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.