En Pontevedra hai xa 150 familias inscritas dentro do programa Apego, un proxecto que busca acompañar aos pais na transmisión da nosa lingua e recuperar o galego como lingua de relación familiar. Así o recordou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
O Concello pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro. Son actividades dirixidas a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos ou que están en agarda. Terán prioridade aquelas que xa estean inscritas nesta actividade, aínda que poden participar outras que non o estean.
As actividades achegaranlles aos adultos recursos como cantos de arrolo, recitados, xogos de dedos ou contos rimados para que despois poidan poñelos en práctica na casa, e así "arrequecer a lingua coa que se comunican, xogan e lles aprenden aos máis pequenos", sinalou o edil del BNG.
Estas actividades son:
Prende no Colo, obradoiro con Luís Prego e Samuel Soto. As familias participantes aprenderán cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas cheas de ritmo e melodía a partir de temas tradicionais galegos. Está dirixido a familias con fillos e fillas de 0 a 3 anos e haberá dúas sesións independentes, cada unha de 50 minutos, que se desenvolverán o sábado 22 de outubro, de 12 a 13 horas e o xoves 24 de novembro, de 18 a 19 horas.
Percorre a cidade e atopa a lingua, ruta urbana con Roberto Rivas. Esta actividade é unha oportunidade para descubrir en familia a lingua que atesoura Pontevedra, con explicacións e xogos polas rúas e prazas. Está dirixida a familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos. Será o xoves 27 de outubro, de 17 a 18.30 horas, con saída desde a praza da Peregrina. Nesta ruta urbana poderán participar familias doutros concellos inscritas no programa Apego.
Orella Pendella, obradoiro con Bea Campos e Davide González, de Migallas Teatro. Dúas sesións de narración oral para que as familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos aprendan e xoguen cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais, con música en directo. As dúas sesións serán independentes, cada unha de 45 minutos, o sábado 5 de novembro, ás 11.30 e ás 12.30 horas.
Contos para bebés, obradoiro con Pavís Pavós sobre contos, cantos e arrolos para familias con bebés de 0 a 3 anos. As nais e os pais escoitarán e aprenderán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades, historias que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para esta función. Haberá unha única sesión de 40 minutos de duración, o xoves 10 de novembro, ás 17 horas.
Axúdame a expresarme! Obradoiro sobre materiais e actividades Montessori para o desenvolvemento da expresión oral; con Sara Pena, de Rachachán. Neste obradoiro realizarase unha aproximación ao desenvolvemento da linguaxe nos primeiros anos de vida. Desenvolverase nunha única sesión o xoves 17 de novembro, de 18.30 a 19.30 horas.
Os obradoiros e a charla realizaranse na Casa da Luz e a ruta guiada sairá da praza da Peregrina.
Ademais das 150 familias de Pontevedra, o servizo de Normalización Lingüística asegura que está a recibir chamadas de familias residentes noutros concellos como Marín, Sanxenxo, Poio ou Ponte Caldelas interesándose por este programa. Se lles remite a información, pero non se lles pode atender ao pertencer a un municipio diferente.