174 persoas apúntanse á Ponteandada pola Canicouva

Pontevedra
12 de maio 2024

Este ano, como novidade, os organizadores facilitan aos participantes que o desexen unha bolsa e luvas para ir recollendo aquel lixo que se atopen tirado polo camiño

A Ponteandada pola Canicouva comezou cun quecemento a base de Zumba Concello de Pontevedra

Despois de sete edicións, as PonteAndadas convertéronse nunha cita imprescindible para moitos pontevedreses.

Este domingo 174 persoas apuntáronse para participan na andaina proposta: a "PonteAndada Os tres ríos" que visitó a parroquia da Canicouva.

Tras o quecemento a ritmo de zumba os camiñantes sairon da igrexa de Santo Estebo nunha camiñada que tamén tivo un percorrido circular cunha dificultade media-baixa e que se completou nunhas 3 horas.

Esta foi a segunda das oito andainas deseñadas polo Club de sendeirismo Naturgaliza para este 2024. A seguinte proposta será a "PonteAndada Salgueiral - Bora" sinalada para o domingo 16 de xuño.

Segundo destacaron Juan Romero e Javi Piñeiro, responsables de Naturgaliza, as PonteAndadas fomentan o deporte e a saúde, tanto física como mental. "Aquí non se gana ningunha carreira, nin ninguén vai presionar a nadie para que vaia máis rápido ou máis lento", recalcaron sobre esta actividade "asequible" na que "cada un pode ir ao ritmo que considere oportuno" á vez que se descobren lugares do municipio que son pouco coñecidos e que merece a pena poñer en valor.

Este ano, como novidade, os organizadores facilitarán aos participantes que o desexen unha bolsa e luvas para ir recollendo aquel lixo que se atopen tirado polo camiño.

Outro valor destacado das Ponteandadas é "a socialización da xente nas andainas" na que o 65% son mulleres e a media de idade está ao redor dos 50 anos.

As inscricións téñense que facer no correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou no teléfono 625 482 636 ou presencialmente na tenda "Naturcamiña" nas Galerías Peregrina, número 3. Por participar na camiñada hai que pagar 2 euros para o seguro.