180.000 euros para mellorar as estradas que unen Cuntis con Cequeril e Alto da Cruz

Umia
19 de xullo 2026

As actuacións previstas pola Deputación de Pontevedra abranguen melloras en treitos que atravesan os núcleos de Louriña, Xinzo, Cequeril e A Casiña

Belén Cachafeiro, deputada de infraestruturas, visita estradas en Cuntis
Belén Cachafeiro, deputada de infraestruturas, visita estradas en Cuntis / Deputación de Pontevedra

Ata 180.000 euros destinará a Deputación de Pontevedra a unha actuación deseñada para instalar cunetas de seguridade e executar obras de mellora da drenaxe nas estradas que unen Cuntis con Cequeril e Alto da Cruz.

A deputada de infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitou a contorna onde se desenvolverán as actuacións, que abranguen melloras en treitos que atravesan os núcleos de Louriña, Xinzo, Cequeril e A Casiña.

Así, na EP-8402 entre Cuntis e Cequeril a mellora terá lugar en varios treitos de Louriña, Xinzo e Cequeril que supoñen preto de 700 metros e se sitúan entre os puntos quilométricos 1+900 e 8+100.

O investimento ascende a 140.000 euros e permitirá mellorar a drenaxe e a seguridade viaria da estrada coa construción de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para a drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.

No que respecta á EP-8402 entre Cuntis e Alto da Cruz, a deputada provincial recordou que o investimento ascende a 40.000 euros, ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade, para actuar en dous treitos que atravesan A Casiña.

Neste espazo realizaranse operacións de mellora da drenaxe e a seguridade viaria mediante tamén a construción de cunetas de seguridade, colocación de tubaxes para drenaxe, execución de arquetas e recrecido de pozos.

Ademais destas actuacións, Cachafeiro tamén recordou que en Cuntis se realizaron obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-8404 entre Piñeiro e Arcos.

Alí investíronse máis de medio millón de euros para mellorar a funcionalidade e a seguridade entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+416.

A obra comprendeu a reposición da capa de rodaxe en toda a estrada, a execución de 1.840 metros de cunetas de seguridade e 280 metros cadrados de novas beirarrúas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora