2,4 millóns de euros previstos nos orzamentos da Xunta para solucionar as enchentes en Fernando Olmedo

Pontevedra
19 de outubro 2025

Está previsto crear unha zona de inundación controlada en Valdecorvos, tras o compromiso adquirido pola Consellería de Medio Ambiente

Inundación na rúa Fernando Olmedo
Inundación na rúa Fernando Olmedo / Jacinto Domínguez

A Xunta de Galicia anunciou este domingo un investimento de máis de 2,4 millóns de euros para a creación dunha zona de inundación controlada en Valdecorvos..

Esta actuación, que figura como un dos principais investimentos na comarca dentro dos orzamentos autonómicos para o ano 2026, pretende dar unha solución definitiva á problemática das enchentes que afectan a decenas de residentes da zona de Padre Fernando Olmedo, un problema agravado nos últimos anos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, avanzou a dotación orzamentaria, froito da demanda veciñal despois de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitara a zona na contorna do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

 Vázquez mantivo ese encontro no mes de maio cos representantes dos afectados para estudar, xunto a persoal técnico de Augas de Galicia, as alternativas que permitan laminar o caudal do río Valdecorvos en caso de choivas intensas.

Con esta fórmula búscase controlar os crecementos do caudal e minimizar o impacto dos desbordamentos.

A creación da área de recollida de auga complementarase con medidas de restauración fluvial, retención de auga e melloras na rede de saneamento municipal, factores que contribúen significativamente ás inundacións nas zonas máis baixas.

A materialización deste proxecto dependerá dun acordo entre a Xunta e o goberno municipal do Concello de Pontevedra.

A conselleira Ángeles Vázquez con veciñanza de Fernando Olmedo
A conselleira Ángeles Vázquez con veciñanza de Fernando OlmedoXunta de Galicia

Reguera valorou "moi positivamente" este e outros investimentos que se darán a coñecer nos próximos días, asegurando que "non teño dúbidas de que os técnicos da Consellería e de Augas de Galicia elaborarán o mellor proxecto posible para dar solución a esta problemática, tendo en conta as condicións da zona, a tecnoloxía dispoñible e o coidado patrimonial e medioambiental".