Máis de 200 quilos de castañas e viño novo para festexar o magosto en Caldas

Umia
06 de novembro 2025

A festa está prevista para este sábado 8 ás 20:00 na praza José Sesto Casal, con repartición gratuíta e a implicación da Asociación de Xubilados

Magosto baixo a carpa en Caldas de Reis
Magosto baixo a carpa en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis organiza este sábado 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, o tradicional magosto na praza José Sesto Casal.

Para garantir o desenvolvemento da festa independentemente das condicións meteorolóxicas, instalarase unha carpa que permitirá reunir a centos de veciños e veciñas.

Durante a celebración, repartiranse máis de 200 quilos de castañas asadas e viño novo de balde entre os asistentes asumindo a frase popular "Polo San Martiño, castañas e viño".

A ambientación musical estará a cargo de 'La Yaya DJ'.

Segundo o tenente de alcalde e concelleiro de Festas, Manuel Fariña, esta cita é unha das máis destacadas da comarca pontevedresa, polo que anima á participación e a manter a tradición do magosto.

A festa conta coa colaboración activa da Asociación de Xubilados, implicando tanto á xente moza coma maior.

Manuel Fariña preparando castañas no magosto de Caldas
Manuel Fariña preparando castañas no magosto de CaldasConcello de Caldas de Reis

Fariña lembra tamén que o magosto remonta a tempos celtas, vinculado aos cultos das colleitas e ao final do ciclo agrícola, e que a fogueira segue sendo un elemento central desta celebración tan arraigada.