200 voluntarios na procura de apoio económico para investigar o cancro

Pontevedra
05 de xuño 2014

A Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra instalou varias mesas petitorias no centro da cidade e a presidenta, Marisé Crespo, afirma que cada vez hai unha concienciación social maior e solidariedade cos enfermos de cancro

Marisé Crespo, presidenta da AECC
Marisé Crespo, presidenta da AECC / Mónica Patxot

A Asociación Española contra o Cancro (AECC) realizou a súa tradicional colecta durante a xornada deste 5 de xuño polas rúas de Pontevedra coa participación de douscentos voluntarios e colaboradores que se encontraban nas mesas petitorias ou, como os escolares do SEK e de Los Sauces, portando petos recadatorios.

A presidenta da Asociación en Pontevedra, Marisé Crespo, afirma que "dentro de la crisis que hay, la gente está muy concienciada" e existe unha maior implicación, segundo aseguraba, ante o feito de que o diñeiro desta colecta se destine á investigación

"Es dónde ven que se le gana la batalla al cáncer" e, neste sentido, Marisé Crespo sinala que foi moi importante a noticia do descubrimento dos efectos de detención da enfermidade que produce a inhibición da proteína TC21 sobre o cancro de mama e a metástase de pulmón. Este programa estaba financiado pola AECC, que seguirá investindo durante catro anos máis neste proxecto de investigación.

A presidenta indica que a reacción dos pontevedreses ante a petición dos voluntarios adoita ser moi positiva na maioría dos casos: "Alguna gente viene y dice: cómo no voy a colaborar con todo lo que están haciendo por mí'".

Marisé Crespo indica que unha porcentaxe destas achegas tamén se quedan na asociación provincial para acometer algúns proxectos: "Nosotros cuanto más dinero tengamos más cosas hacemos. Contamos con una cartera de servicios básicos. Aquí, en Galicia, somos los únicos que tenemos la unidad de servicios paliativos con médico y enfermera".

Outro dos proxectos máis importantes que entraron en funcionamento grazas á asociación é o servizo de logopedia a través do programa 'Volver a hablar', destinado a aqueles pacientes que, debido á enfermidade, sufriron danos que dificultan a súa comunicación verbal.