225 persoas atoparon emprego co apoio de Cruz Vermella

Pontevedra
30 de abril 2018

Máis 300 persoas, as 61% mulleres, participaron no plan de emprego de Cruz Vermella en Pontevedra

Campaña de Cruz Vermella Gabriela Varela Asorey

Un total de 306 persoas participaron nas iniciativas de inserción laboral de Cruz Vermella durante o pasado ano na comarca de Pontevedra. Delas, 188 foron mulleres (o 61%), que seguen sendo o grupo con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, seguido das persoas migrantes e refuxiadas, os mozos sen cualificación e as persoas desempregadas con máis de 45 anos.

O perfil maioritario é muller, migrante, cunha idade comprendida entre os 25 e 54 anos, con baixa ou nula cualificación e en desemprego desde fai máis dun ano.

As actuacións do Plan de Emprego de Cruz Vermella desde a súa posta en marcha no ano 2000 están dirixidas a apoiar o emprego de quen o ten máis difícil, desde a orientación á procura de traballo ata a propia inserción laboral, pasando por accións formativas e prácticas profesionais que permitan traballar nun sector determinado. O balance do Plan de Emprego de Cruz Vermella en 2017 indica que 225 persoas accederon a un emprego co apoio de Cruz Vermella

Ademais, o Plan de Emprego contou o ano pasado coa colaboración de máis de 20 persoas voluntarias de Cruz Vermella en Pontevedra que achegan o seu tempo, os seus coñecementos e a súa experiencia para apoiar a quen máis o necesitan.

O Plan de Emprego en Pontevedra de Cruz Vermella contou en 2017 con máis de 220 empresas colaboradoras que permitiron xestionar 206 ofertas de emprego e prácticas formativas en diferentes sectores que necesitan profesionais e apostan por brindar unha oportunidade a quen máis o necesitan.