A alta participación está a caracterizar ás eleccións xerais deste 23J en toda España e, particularmente, na provincia de Pontevedra. Así o corrobora o primeiro avance de participación que publicou o Ministerio do Interior ás dúas da tarde.
Nestas cinco primeiras horas de votación pasaron xa polas urnas da provincia uns 311.525 cidadáns e cidadás, o que supón un 40,31% de todo o censo.
É un 7,49% máis que nas eleccións de novembro de 2019, nas que a estas mesmas horas votara o 32,83% dos votantes chamados ás urnas.
Esta porcentaxe é mesmo superior na cidade de Pontevedra, onde a participación ás 14:00 horas alcanzou o 41,19%, tras votar 27.410 pontevedreses. É un 7,84% máis que o 33,35% de hai catro anos, segundo recollen os datos oficiais.
Esta mesma tendencia reflíctese no global de Galicia. Durante a mañá votou o 39,01% dos galegos e galegas que teñen dereito ao voto, é dicir, unhas 864.707 persoas
Con respecto aos comicios de 2019, a comunidade rexistra un aumento da participación do 7,05%, xa que naquela cita electoral ás dúas da tarde votara o 31,96%.
No conxunto de toda España, a participación nestas eleccións do 23J crece, pero moito menos. Tan só un 2,56% con respecto a fai catro anos. O rexistro sitúase no 40,48%, o que significa que votaron xa 14.226.892 persoas.
As únicas comunidades onde cae a participación, sobre os datos de 2019, son Cataluña, País Vasco e Madrid, así como na cidade autónoma de Melilla.
Estes datos inclúen tan só a participación da xente que votou presencialmente en urna, xa que o relativo ao voto por correo sumarase ao final da xornada.