O Campus de Pontevedra converterase nun foro mundial de reflexión sobre o papel da educación na transformación social.
Do 17 ao 19 de setembro, a cidade acollerá o I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, un evento promovido pola Cátedra Unesco da Universidade de Vigo que xa conta con preto de 250 persoas inscritas de diferentes países.
Esta cita internacional, que se desenvolverá principalmente na Escola de Enxeñaría Forestal pero tamén nas facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte, busca crear sinerxías entre especialistas de diversos campos unidos por un obxectivo común: transformar a sociedade a través da educación.
O congreso estrutúrase en cinco áreas temáticas: sostibilidade social e ambiental, convivencia e resolución de conflitos, equidade e non discriminación, patrimonio material e inmaterial, e benestar e saúde.
Para facilitar a participación de países en vías de desenvolvemento, o evento combina actividades presenciais e virtuais, sendo gratuíto para os asistentes destes países.
O programa inclúe máis de 30 actividades paralelas, entre elas 21 simposios sobre temas como a convivencia nos centros educativos, a innovación docente ou as implicacións da intelixencia artificial no ámbito educativo. Tamén se desenvolverán cinco mesas de expertos centradas en aspectos como o benestar emocional na infancia ou a parentalidade positiva.
Destacan as cinco conferencias plenarias, que buscan un equilibrio entre as diferentes áreas da cátedra. Daniel Bulgado-Benavides da Universidad de Ciencias Médicas de Villa Clara (Cuba) inaugurará o congreso cunha charla sobre educación ambiental e saúde, mentres que Roberto Baelo, da Universidad de León, pechará o evento cun relatorio sobre o uso educativo da intelixencia artificial xerativa.
A Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, impulsada en 2022 con 50 investigadores dos tres campus da UVigo e presidida polas catedráticas Francisca Fariña e Margarita Pino, cumpre así un dos compromisos adquiridos coa súa concesión: organizar un congreso que integre as diferentes liñas de traballo e promova o diálogo entre disciplinas.