A Praza do Concello de Bueu foi este martes, 25 de novembro, o escenario central dos actos polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O alumnado de 4º da ESO do IES Johan Carballeira tivo un papel protagonista coa lectura dunha declaración na que puxeron o foco nas novas formas de control e violencia exercidas a través das redes sociais.
O acto desenvolveuse diante da Casa Consistorial e contou coa presenza do alcalde, Félix Juncal, membros da corporación municipal, alumnado doutros centros educativos, persoal municipal e veciñanza. Na súa intervención inicial, Juncal apelou á "unión de toda a sociedade para mostrarnos radicalmente intolerantes coa violencia de xénero" e destacou "o traballo extraordinario dos centros educativos da vila". Tamén fixo referencia ao recente nomeamento da nova fiscal xeral, Teresa Peramato, á que desexou que "axude a deixar atrás este pasado e presente tan tristes".
Tras guardar un minuto de silencio polas 38 mulleres e nenas asasinadas este ano, o alumnado do Johan Carballeira deu lectura a un texto reivindicativo no que advertiron de que a violencia machista continúa presente, pero adopta novas caras, especialmente no ámbito dixital.
"A violencia contra as mulleres nace da desigualdade social", lembraron, antes de incidir no aumento do "machismo dixital" e no maior impacto que a violencia de xénero ten sobre as mulleres migrantes, afectadas por barreiras lingüísticas e outras dificultades engadidas. A educación e a concienciación, salientaron, son ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.
ACTIVIDADES ARREDOR DO 25N
A programación polo 25N continúa en Bueu con diversas propostas culturais e formativas. Este mesmo martes, ás 19.00 horas, o Centro Social do Mar acollerá a proxección das curtametraxes Somos ponte en movemento, unha iniciativa da Coordinadora Galega de ONGD e da Deputación de Pontevedra dirixida ao público familiar. Tras a sesión audiovisual, está previsto un coloquio no que se abordarán temas como os dereitos humanos, a infancia, as migracións, os feminismos ou as loitas sociais.
A Libraría Miranda súmase tamén á conmemoración coa presentación, o 26 de novembro, do libro Outono, a muller sen nome, de Paula Castro, unha historia que aborda a violencia de xénero e outras violencias que sofren as mulleres, como a vicaria, a xudicial ou a social.
O 28 de novembro será a quenda do IES Illa de Ons, que acollerá o obradoiro "Violencia de xénero e o novo contexto dixital", impartido por Pantallas Amigas e centrado na prevención da ciberviolencia, o grooming ou o sexting.
Durante todo o mes, o Concello de Bueu está a desenvolver outras propostas vinculadas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, entre elas un obradoiro de autoestima para mulleres a través da arte, que se estenderá ata decembro, así como novos talleres previstos entre febreiro e abril: 'A música e a palabra para o benestar' e 'Rir para vivir: a risa como camiño de benestar'.
No apartado formativo, a pasada semana o persoal municipal participou en xornadas arredor do Plan de Igualdade e do Protocolo de prevención do acoso laboral e sexual.
Ademais, o Cineclub Bueu proxectou 'Soy Nevenka', de Icíar Bollaín, unha longa que relata o caso de Nevenka Fernández, concelleira en Ponferrada, que no ano 2000 denunciou ao alcalde por acoso, converténdose nun símbolo na loita contra a violencia machista.