25N | Catro novas vítimas da violencia machista deixan a súa pegada en Pontevedra: "A loita continúa"

Pontevedra
25 de novembro 2025
Actualizado: 12:17

Todos os grupos políticos apoian "sen fisuras" o acto convocado polo Concello de Pontevedra. O alcalde lembra "os centos de anos de patriarcado" e pide dedicar "máis diñeiro a protexer as mulleres"

Acutalización dos círculos contra a violencia machista no 25N 2025
Acutalización dos círculos contra a violencia machista no 25N 2025 / Concello de Pontevedra

36 son xa os círculos conmemorativos que lembran na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra ás vítimas da violencia machista na provincia desde o ano 2003: 34 negros, polas mulleres asasinadas e 2 brancos, polas menores vítimas da violencia vicaria. 

Forman parte da instalación artística en memoria das vítimas da violencia machista creada en 2024 diante da Audiencia Provincial de Pontevedra e este 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, sumou catro novos, un por cada vítima de 2025. 

Ata alí se trasladaron este martes representantes dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal de Pontevedra, nunha presenza de unidade que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, agradece porque "é importante que non haxa fisuras" na loita. 

"Desde logo, a loita continúa", reivindicou Lores, que considera que "as mulleres teñen que saber que non están soas, que teñen a gran parte da sociedade apoiando as súas reivindicacións".

Aproveitou o alcalde para reivindicar que "hai que dedicar máis diñeiro a protexer as mulleres que queiran independizarse ou que queiran abandonar esta situación de posible asesinato por parte do machismo imperante". 

Para o rexedor pontevedrés, "debemos toda a sociedade ser consciente", todas e todos temos que facer as nosas achegas e, cada vez que se produza un asasinato machista, "seguir visibilizando".

O Concello decidiu visibilizar a violencia machista nestas placas, unha por cada muller asasinada na provincia e Lores lamentou que "desgraciadamente temos que engadir este ano 4 placas máis de 4 mulleres que foron asasinadas polo feito de ser mulleres".

É un proxecto que aposta por "manter no tempo" e "desgrazadamente a longo plazo" como resultado de "centos de anos de patriarcado".

As novas placas lembran a: M.C.P., 49 anos e veciña de Campo Lameiro; R.R.G., de 78 anos e de Cerdedo -Cotobade; E.G.D., de 61 anos e de Vilagarcía de Arousa; e T.D.J.G., de 48 anos e de Porriño.

O crime de Campo Lameiro segue en fase de investigación; os de Cerdedo e Vilagarcía foron matricidios; e a vítima de Porriño é unha traballadora do SAF asasinada por un usuario do servizo.