25N | Cerdedo-Cotobade apela a educar "desde a infancia" contra o machismo

Cerdedo Cotobade
25 de novembro 2025
Actualizado: 17:18

O obxectivo da campaña municipal impulsada este ano en conmemoración do 25N era o de promover a sensibilización e a educación en igualdade desde as idades máis temperás

Acto conmemorativo do 25N en Cerdedo-Cotobade
Acto conmemorativo do 25N en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O acto reivindicativo do 25N, día internacional da eliminación da violencia contras as mulleres, tivo en Cerdedo-Cotobade como protagonistas ao alumnado do municipio.

Ata os colexios da vila, especialmente o de Carballedo, trasladáronse os actos conmemorativos desta xornada, na que se entregaron puzzles con debuxos sobre o significado desta data e que apelan ao rexeitamento á violencia de xénero.

Durante a xornada, o alumnado dos centros educativos fixo entrega dunha carta elaborada por eles e elas, cunha mensaxe clara en contra da violencia machista.

Este documento permanecerá exposto na Casa do Concello como símbolo do compromiso institucional e social coa igualdade e a loita contra a violencia.

O tenente de alcalde, Fernando Vázquez, que tomou a palabra durante o acto institucional, destacou que educar en igualdade "desde a infancia" é unha das mellores ferramentas para construír unha sociedade "libre de violencias" e de machismo.

Pola súa banda, a concelleira Galiza Aguete subliñou que o 25 de novembro "é unha data para a reflexión, pero sobre todo para a acción", xa que a loita contra a violencia machista "require un compromiso constante de toda a sociedade".

A eles sumouse a concelleira Maite Pichel, que salientou a implicación do alumnado nesta iniciativa, afirmando que ver aos nenos e nenas implicarse, reflexionar e expresar o seu rexeitamento a calquera tipo de violencia "dá esperanza e demostra que estamos no bo camiño".

O obxectivo da campaña deste ano era o de promover a sensibilización e a educación en igualdade desde as idades máis temperás.

Así, tamén houbo actos no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, ao que asistiron a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado, reforzando así o compromiso do goberno local coa sensibilización nos centros educativos de todo o termo municipal.