"Ás mulleres dicímoslles, con toda convicción: hai saída, e non están soas". Esa foi a reivindicación pública que fixo Vilagarcía de Arousa neste 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Foi no acto institucional no que Andrea Castro, membro da asociación de mulleres rurais Os Borrizos, de Cornazo, e Lucía Pedroso, representante da Cámara de Comercio, leron o manifesto aprobado previamente polo Consello Local da Muller e o pleno da corporación.
Nun salón de plenos a rebordar, ambas denunciaron o negacionismo en materia de violencia machista, condenando todo tipo de maltrato e reivindicando a aplicación da normativa existente en materia de igualdade e de erradicación da violencia de xénero.
"Somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade", subliñaron na lectura dun manifesto co que Vilagarcía reafirmou o seu "compromiso firme e irrenunciable" para poñer fin a esta violencia.
Destacaron que hai que condenar "cada acto, cada agresor e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia", xa que o negacionismo "non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela".

Negar ou relativizar a violencia machista, concluíron, "é contribuír á súa persistencia".
A concelleira de Igualdade, Tania García, abriu a sesión lembrando ás 38 mulleres que foron asasinadas no último ano en España polas súas parellas, dúas delas en Galicia, e aos tres menores que correron a mesma sorte como consecuencia da violencia vicaria.
Ante isto, apelou á necesidade de seguir loitando polo fin da violencia contra as mulleres, "que aínda se materializa de moitas maneiras: na desigualdade laboral, no teito de cristal, na fenda salarial, no acoso sexual, na violencia contra elas e na violencia vicaria contra os seus fillos".
Este acto institucional estivo precedido pola interpretación do tema principal da película La vida es bella de Nicola Piovani, a cargo de Candela Costa e Adriana Diéguez, da Escola Municipal de Música.
A sesión rematou co poema musicado Agardarei, de Celso Emilio Ferreiro, por parte de Belén Trobajo, Ángel Alonso e Jorge Ortal, todos eles do mesmo centro.

A programación do 25N proseguirá esta tarde coa celebración da manifestación convocada pola asociación O Soño de Lilith na Praza de Galicia, ás 20.00 horas.
Xa o mércores, ás 17:30 horas no auditorio, haberá unha charla no marco da campaña "50 anos de España en Liberdade" na que, entre outros temas, se falará sobre a represión sufrida polas mulleres e o papel que desempeñaron durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.
A programación do Concello chegará ao seu fin o venres ás 19:30 horas no Salón García coa representación teatral A peito descuberto. A entrada é libre ata completar capacidade.