25N | Detido por quinta vez un home de 74 anos que acosou a súa ex na porta da súa casa

Pontevedra
25 de novembro 2025
Actualizado: 16:02

O subdelegado do Goberno desvelou o caso, que ocorreu nun concello do norte da provincia na véspera do día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Axente da Garda Civil
Axente da Garda Civil / Mónica Patxot

Este luns 24 de novembro, véspera do día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, un caso rexistrado nun municipo do norte da provincia de Pontevedra pon o foco na necesidade de seguir loitando contra a violencia machista.

Un home de 74 anos con orde xudicial de afastamento da súa ex parella, de 72 anos, presentouse no seu domicilio e acosouna.

O home empezou timbrando repetidamente e logo, como ela non abría a porta, arremeteu a golpes co bastón contra a porta.

Nun determinado momento, mesmo tratou de facer panca para abrir a porta, sen conseguilo.

A muller chamou a Garda Civil, que procedeu á detención do maltratador. Era xa a súa quinta detención por feitos similares.

O caso deuno a coñecer este martes o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, aínda que descartou facilitar máis detalles para protexer a intimidade da vítima e evitar unha revictimización.

Losada quixo usar este caso real como exemplo no acto oficial de conmemoración do 25 de novembro na Subdelegación do Goberno.

Na súa opinión, demostra que os recursos do sistema VIOGEN "non son necesarios, son imprescindibles".

Tamén é exemplo de que o matrato "afecto a todas" as mulleres, "mozas e maiores, nacionais e estranxeiras, ás das cidades e ás do rural, de dereitas e de esquerdas".